16 abr 2010

Roteiro Literario.

Así que onte fomos a Panxón. Foi un pouco como ler un libro, e logo ver a película, comparar os personaxes e os escenarios cos que ti imaxinabas. Pero o de onte foi moito mellor, porque eran os escenarios reais, os que escolleu Domingo Villar para A praia dos afogados; porque Domingo estaba alí, tan simpático e agradable como viramos nos videos da rede; e, aínda que non viramos a Leo, a Estévez e ao resto dos personaxes, porque estivemos onde eles estiveron e vimos o que eles viron. As vistas dende Monteferro son abraiantes, e non me sorprende que Rafa se intimidase ante tal cousa. Logo descubrir o lugar onde afundiron o barco do Rubio, comprobar que non era para nada como imaxinaramos e discutir sobre a accesibilidade do cabo a pé e en coche case todo o camiño de volta ao autobús. A praia da Madorra, o Templo Votivo do Mar e un chuvasco que non deixou indiferente a ninguén e que foi a primeira mostra do tempo que nos acompañou o resto do día. Imaxinar que comiamos no mesmo mesón onde Leo e Alba xantaban no verán. Era un restaurante bonito (non recordo o nome), cunhas vistas á praia Panxón espectaculares; mágoa de camareira: a moi repugnante non nos deixou pedir máis comida (cunha frase como "No os parece demasiada comida?"), e creo que houbo quen pasou algo de fame. 
Foi un bo día. Aínda así, a opinión da gran maioría dos meus compañeiros dista moito da miña, ben polo pequeno tramo de monte que tivemos que baixar, ben pola escasa actividade da vila,  ben polos prezos da comida. 
Para min foi un día para recordar, principalmente porque estivemos con Domingo Villar, e non todos os días estás cun dos teus autores favoritos. Tamén porque posiblemente sexa a última excursión de 2º de Bach, e polo tanto a nosa última excursión no Leliadoura; porque comezamos o noso álbum de fotos de viaxes (véxase a imaxe) e porque recibín a miña primeira devolución de Facenda: 0,06 € :)

2 comentarios:

Lorena dijo...

O Peirao?
Jobá, é que molou moitísimo, eu quería faser eso con todos os libros *-* Jouch, ademais Domingo Villar é geeeniaaal. Eu non sei que clase de xente hai no instituto eh, non pode ser, non pode ser...

oblede

Ronsel dijo...

A verdade é que tes razón: creo que é unha experiencia fabulosa. Xa sabes que os roteiros literarios están de moda: quizais poidas seguir incrementando o álbum noutros lugares máis afastados.
Grazas pola túa visita e o teu comentario.
No Leliadoura teño unha amiga: Pili Pereiro.