Non imos ter tempo para sentir nostalxia do paraugas. De feito, os máis previsores sempre o teñen a man aínda que logo coas présas acostuman deixalo esquecido no ascensor ou nunha cafetería, que debería ter a consideración de santuario de obxectos perdidos. Supoño que hai persoas ás que lles duran anos, pero, polo xeral, teñen unha vida moi limitada e non por esas fallas de memoria senón porque teñen que enfrontarse ás inclemencias meteorolóxicas. Daquela é cando se lembran da súa existencia. Nada máis chover senten que falta algo, unha pequena sombra na que abeirarse.Contra o vento pouco ten que facer, é unha guerra pedida, pero cómpre saber manexalo, tornéalo como quen pon a vela dun barco a barlovento. Na liorta con Eolo adoi- ta saír perdendo. O paraugas, esa bandeira nacional que nós, os galegos, debiamos ter o privilexio de ser os seus inventores, pero non, disque foron, como non, os chineses os que apuntaron o tanto. O paraugas defínenos, non por levalo, senón polo xeito de empregalo e de lle sacar partido. Aí temos, malia o cambio climático, un futuro prometedor. ¿Por que non funcionan as fábricas de paraugas en Galicia? Seguramente pola mesma razón pola que comemos polbo de Marrocos que nada ten que ver co das nosas rías, pementos de Murcia en troques dos de Herbón ou pola mesma porque os franceses instalan empresas leiteiras no noso país. Falla de mentalidade empresarial, de non sacar proveito ao que nos une e o paraugas claro que nos une e reafirma.¿Para que serve un paraugas? Desde logo, para non mollarse. Un bo motivo para ter en conta. Pero ten moitas outras utilidades, un recurso para agocharse: moito mellor ca un xornal para que un aprendiz de investigador privado non sexa descuberto, pero tamén pode empregarse como arma defensiva ou para darse unha aperta baixo a chuvia. Sinal de distinción. Un gentelman que se prece ten moito máis estilo cando o leva a xeito de bastón e unha muller con paraugas ten a beleza dos días perdidos. Porque ela apareceu mollada e volverá aparecer cando as tormentas volvan unilos.¿Por que é unha gran película Cantando baixo a chuvia? Basicamente porque chove e porque Gene Kellly se serve do paraugas para realizar a mellor coreografía da historia do cine. Sen paraugas non se batuxa igual sobre unha fochanca. Un non deixa de preguntarse porque non se rodaría na rúa do Preguntoiro en troques de nun escenario de cartón-pedra. Ollamos ese ceo de neboeiros. Volve chover, non deixan de sorprendernos as treboadas. Bendita sexa, a deusa chuvia.
3 abr 2010
Eloxio do paraugas.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario