31 mar. 2010

Noctilucente.

Que bonita nos está a quedar a fotonovela! E é que a primeira foto (polo menos) vai ser preciosa!
Creo que esta é a primeira que facemos coas cousas ben pensadas, porque a primeira fomos inventándoa na marcha, un día na casa dos avós de Fátima. A segunda... se non recordo mal, foi idea de Fátima, nunha noite de desvelo por culpa do Malibú-piña (igual que a curta do ano pasado). E non, non temos ideas só estando borrachas: a que estamos a facer agora mesmo si, xurdiu nun bar, pero bebendo Nesteas e Coca-Colas.
Así que de Noctilucente case que chega a haber storyboard.  E vai ben. Estivemos a recortar cartulinas (e cartulinos) case que toda a semana. Un cabaliños tan bonitiños fixemos! E unha xente na noria! Xa verás, xa :D
Agora creo que vamos abaixo a preparar Panpizzas de bacon, de atún (creo que Fátima está a sacar salchichas da nevera tamén)... porque ás veces tamén nos dá por cociñar cando quedamos para facer este tipo de cousas. Pero é o normal  non? Quedar para facer un traballo (que neste caso non é un traballo, é un pasatempo) e poñerse a facer outras cousas. Raquel a andar no Tuenti porque na súa casa non lle debe ir moi ben, e os demáis vagueamos un pouco... para logo ter que facer todo a última hora. Debe ser que nos gusta o risco, iso de crer que non vai dar tempo pero coa esperanza de que si.

29 mar. 2010

Chuvia.

Á xente non lle gusta a chuvia e eu non entendo o porqué. Vale que non agrada que chova cando se teñen días libres e apetece saír da casa a pasear, cando se volve da clase, cando se está fóra, cando xa se teñen feitos plans para certo día, cando é verán. 
Pero creo que niguén me vai a negar que non gusta espertar co son da chuvia batendo nos cristais e pensar que que ben e que quentiño se está; mirar as gotiñas estamparse contra as ventás, escorregar e facérense máis e máis grandes; ver as mesmas gotiñas esvarar segundo o coche vai collendo velocidade; saltar de poza en poza ata notar os pes conxelados; correr baixo a chuvia sen impermeable; dancing under the rain e arredor dunha farola; camiñar polas charcas e mirar as burbullas que deixan as solas dos tenis; notar a alegría na aldea cando chove e medran as patacas, os grelos ou o millo; recibir o recendo a terra e herba mollada cando acaba de escampar; ou imaxinar por que chove, que son anxiños que fan pis, ou marcianos con regadeiras.
A verdade é que vivir en Galicia e non disfrutar da chuvia é ter unha cruz. Pero, en realidade, a nosa chuvia é unha especie de bendición. 

rain from cc912 on Vimeo.

26 mar. 2010

24 mar. 2010

Primavera.

Cando estabamos en 4º da ESO descubrimos o "asco do último exame". O último exame era de castelán, o mesmo día que quedaramos para grabar "Irmaus" (unha grabación que espero que nunca saia á luz). E como o seu propio nome indica, estudar para ese examen foi un noxo. Xa sei que parece unha tontería, pero non o é. Seguro que se tivera un nome un pouco máis... profesional, a cousa sería máis crible. Por exemplo, se fose "Sensación Percibida ao Estudar para o Último Exame", ou SPEUE, así, en siglas, que queda moito máis serio, semellaría o tema dunha tese de fin de carreira. 
Parece ser que despois de máis dun mes estudando a miña cabeza non solta máis que tonterías. Máis que tonterías, son evidencias. Como en Filosofía. A profesora pregunta "¿Que tienen en común la "Medicina", la "Mecánica" y la "Moral"?". Os alumnos responden "As tres empezan con M". E é verdade, outra relación non lle vexo. A profesora di que é mellor que non fagamos máis suxerencias dese tipo. E eu digo, por unha vez que intervimos nunha clase de Filosofía...
Pero agora xa está. Rematamos os exames desta avaliación. Que sensación tan... libre! Andar pola rúa sen pensar en que é o que teño que estudar despois, ou chegar a casa e poder sentar a comer con calma. E posiblemente cando me deite á noite, durmir sabendo que non pasa nada, que non me vou ter erguer a non sei que hora para pasalo mal, e erguerme sabendo que vou para o instituto sen esa carga nos ombros que é pensar que non se estudou o suficiente, que non se leva o exame ben preparado. E ler, escoitar música, tocar música, pasear, sentir a primavera, facer fotonovelas, curtas, libros, ler e respirar.

20 mar. 2010

Submarino

Encántame a empresa de autobuses de Ribeira, porque nos fai pasar bos momentos. Como aquel día (no verán, creo que foi) que Raquel se quixo levantar, se agarrou ao asento de diante e levou o asento con ela. Como cando o estabamos esperando na parada do Malecón e non nos parou. Como cada vez que sube á nave a meter gasolina e pensamos "Diosmío! Onde nos está levando?!". Como cando fixemos a Adri parar un autobús e non era o noso. Como en todas e cada unha das veces que o perdín por pasar antes de tempo. Como cando esperabamos o bus de Aguiño, nos puxemos a mirar un barco que desatracaba e dixemos "Está a marchar o bus. Dicímoslle que pare? Estase a ir. Que facemos? Bueno, marchou". Como no Entroido, cando subín disfrazada de esquío e se riu todo o mundo. Ou como onte, que o estaba agardando na parada, o vin chegar e pensei "Hmm... aí ven. Por que non pon o intermitente xa? Ah, claro, é que non vai parar. Non vai parar? Non, non parou. Ah, mira, parou alí adiante, e dá marcha atrás... Bueno...". O condutor non sabía que me dicir para disculparse, e eu sinaláballe a máquina para que me cobrara pero o home nada. Ata que lle botou a culpa a Fátima e a Raquel por non o avisar non me dou o ticket.
O bo foi que resultou unha boa noite. Moitos recordos de 4º da ESO, dúas horas na Morrison, outras tantas nun sitio novo para comer bocadillos, deducir que unha xeración se botou a perder e, sobre todo, ver a Raquel bailando o baile da avestruz de Hot n' Cold mesturado co baile de Thriller.

17 mar. 2010

Mércores, 17 de marzo.

Creo que estamos todos un pouco fartos. Refírome a iso de levar estudando máis dun mes e medio seguido. E xa sei que isto non é nada, que é só o principio... pero tanto ten. Eu o que quero é volver a durmir toda a noite dun tirón; que me deixe de tremer o párpado inferior do ollo esquerdo cada vez que penso nun exame; que o meu cerebro volva ao seu estado natural e sexa quen de escoller as palabras axeitadas e colocalas na orde correcta; poder aguantar toda unha clase sen perder o fío da explicación por me dar o sono; durmir ata as oito da mañán e non ata as seis e media; deixar de soñar con repúblicas, exilios, guerras civís, modernistas, lúas, bombas calorimétricas e todas esas cousas.
Teño que recoñecer tamén que este cansanzo fai que nos riamos todos bastante. Como co feito de que Joserra queira ser "acelerador de partículas". Ou con conversacións do tipo "Ai! É que Santi Balmes ten uns ollos... que xa os ves vir!", "Si, ou é Santi Balmes ou é un coche". A historia de amor de primeiro da ESO...
E agora mesmo faltan 6 días, 13 horas e 38 minutos para descansar un rato.

13 mar. 2010

Trichrome Blue

Colorea o teu mundo! (:


Trichrome Blue from Lois van Baarle on Vimeo.

As clases de Ciencias.

O outro día demos clase de Ciencias da Terra no laboratorio de Bioloxía. Loli tardou un pouco e Fátima púxose a xogar con Aniceta (si, puxémoslle Aniceta á señora que amablemente se deixa tocar os órganos para que aprendamos). O nombre do bebé non me acorda. Sei que a Rodrigho o esquelete o puxen mirando pola ventá para que non se aburrise. Bueno, resulta que Fátima lle quitou o estómago a Aniceta e lle caeu todo o que tiña dentro: fígado, intestinos, páncreas, pulmóns, corazón... ata os aparellos reprodutores. Así, en plural, porque tamén decidimos que Aniceta era hermafrotida. E así, entre unhas cousas e outras, decidimos dar clase "co pene de Aniceta na man".
As clases de Ciencias son así, un pouco especiales (pretty ou rather, que aprendemos hoxe en Inglés). Así como das de Bioloxía sempre recordaremos os "cuida tu vocabulario", de Ciencias recordaremos os momentos filosóficos. Porque eses sí que son filosóficos, e non o que eu escribo aquí (eh, Ra?). Como aquela frase do artigo de Rosa Montero publicado no País El Semanal: "La oscuridad nos envuelve a todos, pero mientras el sabio tropieza en alguna pared, el ignorante permanece tranquilo en el centro de la estancia". Cantas veces non se repetiría esta frase dende aquel día? Sobre todo díselle a José, que o pobre é un pouco pechado de mente. Os contraargumentos que lle damos para desbancar o que el di para xustificar as corridas de touros darían para escribir un libro. Pero iso xa é outro tema. 
E tamén recordaremos os momentos nos que pasamos de estar falando dos clorofluorocarbonados a debatir se unha muller está máis guapa con ou sen maquillaxe, a por que os homes aguantan menos a dor; os momentos dicionario, de traducir "hollín" por "follín" (os graciosos inconvenientes de ter un libro en castelán e dar as clases en galego).
Xa non deste ano, senón do ano pasado, acordarémonos das clases de Bioloxía-tutoría. Porque cando non tes tutora (máis ben, cando tes unha tutora que non exerce como tal), sempre é agradable e agradécese ter xente amable sempre dispoñible a axudarte con calquera tema.

10 mar. 2010

Pyrex

Hoxe comezamos coas "matemáticas filosóficas". Técnicamente chámanlle Análise. E a verdade é que poñéndolle o adxectivo filosóficas atribúeselle unha connotación un pouco... un pouco como a connotación da Filosofía. E é que a min non me gusta a Filosofía. Non lle quero botar a culpa á profesora, pero xa non me gustaba Ética nin Filosofía e Cidadanía. Será que veñen sendo o mesmo, non? Señores que escriben o que pensan e a xente crea escolas para ensinar o que pensan os señores...
Pero do que ía falar eu era da clase de Matemáticas de hoxe. Intentaba comprender como era que un elevado a infinito non daba un. Así que a miña cabeza facía contas "Un elevado a un, un; un elevado a un, un; un elevado a un, un; un elevado a un, un" e pouco a pouco fun levantando a cabeza ata cruzar a mirada con Pyrex.
Alí estaba ela, sorrindo. Un sorriso que non se sabe moi ben se mostra unha psicopatía ou simplemente alegría. Un ollos simplísimos, como sorprendidos; máis ben, en palabras da avoa de Fátima, son ollos "arreghalados". E o mellor de Pyrex é o bigote. Non sei que se me pasou pola cabeza aquel día, cando lle recortei o código de barras, porque iso podería ter sido unha boca perfecta.
Pyrex ten unha historia simple: foi utilizada nun experimento de Física (maldita a memoria desde experimento) e despois adoptada pola clase de 1º de bacharelato A. Puxémola enriba do armario, e alí estivo, vixiándonos uns tres meses. Ata que marchamos nas vacacións de verán. Logo cando voltamos en setembro, xa en 2º de bacharelato, funa buscar, e coloqueina riba do novo armario. Ás veces imaxino o mal que o tivo que pasar, ela soa, nun edificio tan grande e tan baleiro...e imaxino tamén o mal que o vai pasar cando nos vaiamos en Maio, pero desta vez para sempre. Así que creo que lle vou dicir a Toxo se me deixa poñela no laboratorio, porque tampouco quero sacala do seu hábitat. A quen lle gusta que o boten da súa casa? 
E isto lévame aos exiliados dos anos 30. Este tema xa leva dando voltas na miña cabeza dende que lin Tristes armas, e A revolución dos globos, e A sombra descalza, e Noite de voraces sombras. É unha das cousas que nunca chegarei a comprender. Como pode alguén decidir se quedar ou se marchar, se morrer ou deixar os teus, se abandonar os teus ideais ou levalos a onde non servirán de nada? Ás veces penso que foi mellor que isto lle pasara a aquela xente, e non a nós. Pode parecer un pouco cruel, pero eles si tiveron a iniciativa de marchar e seguir loitando polo que crian. E foi grazas a eles polo que agora nós temos a lingua que temos e como a temos.

5 mar. 2010

Darlle vento a unha revista.

Estes días andamos a preparar a sección estrela da Impinxidela '10. Hai dous anos foron os "Parecidos razonables"; o ano pasado, os "Babyprofes"; e este ano son os "Profesores de película!". 
Resulta que os poñemos de un en un diante dunha pantalla branca, mirando sempre ao infinito ("ponte así, mirando ao infinito"), e lles sacamos un par de fotos. 
Están a participar bastantes. Algúns nin saben que imos facer pero déixanse sacar a foto igual.
Moitos séntense artistas ("Pose en plan profe ou en plan artista?", "De frente ou medio ladeada como unha artista?"). A outros tantos dálles a risa ("Buf! Espera que me dá a risa! HAHAHAHA... vale, xa está.", "Mira, Elvira se está riendo!", "No te rías porque entonces me río y ya no me sale!", "Mira la otra como se parte el culo..."). Algúns vense sacando fotos de carné, ou incluso no cárcere! ("Primeiro de fronte, logo de perfil. Isto é como no cárcere."). Están os tímidos ("Pero hai que poñer posturiñas?", "Veña, acaba rápido que a min non me ghusta sacarme fotos"), os hiperactivos ("A ver como me poño? De pé? Sentando? De rodillas?"), e, sobre todo, os coquetos ("Mi nariz de Cleopatra que salga bien afinada", "Como queda mejor? Con gafas o sin gafas?", "Sacádeme ghuapo, eh?", "A ver, vámonos poñer un pouco guapos" ou "Sácame o lado bo, eh?").
A verdade é que resulta bastante divertido. Porque non son só as horas que pasamos facendo este tipo de cousas, senón tamén as bromas que se fan despois. Como a da Física.
- En Física é importante saber despexar.
- Como os pilotos!
- Pero en Química as matemáticas son moi sinxelas. Vedes? Despexo aquí e xa está.
- É unha pena que Luís non sexa Buzz Lightyear.
Pode ser que non se entenda, pero as clases de Química son as que máis probabilidades teñen para que xurdan bromas sen sentido que non se entenden dende fóra. 
E vale que hai que traballar un chisco, pero sabendo o que nos rimos, sorpréndeme que ninguén máis se anime a facer estas cousas e preocúpame que para o ano ninguén se encargue delas.

2 mar. 2010

Stand by me

Gústame estar subscrita ao "Planeta de ENDL via Iván en Google Reader" porque todos os días hai cousas bonitas, como isto:
 

Outra vaca no millo!

Onte pola tarde discutía con ela sobre a moda. Ela non quería poñer cousas "pasadas de moda", e poñía como exemplo unhas gafas que anunciaba non sei que óptica, que eran "como as de súa abuela". Eu fíxenlle recordar a época dos pantalóns de campana. Eses pantalóns de campana que puxeron os nosos pais nos seus tempos mozos. Logo tamén houbo a época de poñer nos nocellos os "calentadores". Eu xa teño visto fotos de miña nai (miña nai moi nova, cunha melena longuísima) con esa especie de calcetíns que non tapan os pés. E que claro, a moda vai e ven; un ciclo, dicíalle eu. 
Un ciclo pero non un ciclo perfecto. Supoño que foi unha coincidencia, pero esa mañá queixábame do mal costume que teñen os nenos de ir ensinando os calzóns, e non sei eu se existiría esta moda antes... non sei... Pero dáme a sensación de que naqueles tempos nos que non se lles permitía ás mulleres nin ensinar os nocellos (xa os podían levar tapados cunha cousa desas xD), non se lles ocurriría aos homes levar os pantalóns co tiro polos xeonllos. O que si pode ser é que esta moda "pase de moda" e que dentro de vinte anos (por exemplo) se recupere. Iso xa non o podo asegurar.
E neste momento de observación da fauna autóctona, descubrimos unha relación un tanto estraña. Foi un neno que non sei se anda en primeiro ou en segundo. O caso é que, se leva o colo do polo levantado, leva os pantalóns baixados; se leva o colo do polo baixado, coloca os pantalóns no seu sitio. Eu xa o pensei sempre: a moda é ben complicada de entender.
Resúltame tan complicado entender que alguén queira ir ensinando os calzóns como que a xente remate as frases con "que": "vai frio, que?", "pasámolo ben, que?", "é bonito o coche, que?" E así con case todas as cousas que comentan. A primeira vez que o escoitei non souben se tiña que contestar ao "que?" ou se era unha pregunta retórica. Exactamente igual que cando Plácido nos dicía "Ola chicas, que tal?"; claro, ao principio contestamos "Ben! (:", pero cando o repetiu tantas veces xa nos demos conta de que era a súa forma de saudar. Pois iso, unha "muletilla" lle chaman en castelán, que ben sendo o mesmo que o "llou" e o "lo" dos de Aghiño. 
E xúntanse a estas expresións  os refráns e as frases feitas. Son os refráns que din as nosas avoas, que seguramente dixeron as súas nais, e as nais das súas nais... E agora dicímos nós. Estou segura de que non hai nin unha soa persoa que non saiba un refrán. "A avaricia rompe o saco", "po' caso patacas", "Santo Tomás, unha e nada máis", "está a roupa tendida", "era de noche y sin embargo llovía", "cuando el río suena" e todas esas cousas que nos fixeron rir tanto aquel día en Tecnoloxía e Educación Física. 
Eu creo que "hay que cuidar nuestro vocabulario" e deixarse de ques, llous e los, non vaia a ser... non vaia a ser... (: