10 mar 2010

Pyrex

Hoxe comezamos coas "matemáticas filosóficas". Técnicamente chámanlle Análise. E a verdade é que poñéndolle o adxectivo filosóficas atribúeselle unha connotación un pouco... un pouco como a connotación da Filosofía. E é que a min non me gusta a Filosofía. Non lle quero botar a culpa á profesora, pero xa non me gustaba Ética nin Filosofía e Cidadanía. Será que veñen sendo o mesmo, non? Señores que escriben o que pensan e a xente crea escolas para ensinar o que pensan os señores...
Pero do que ía falar eu era da clase de Matemáticas de hoxe. Intentaba comprender como era que un elevado a infinito non daba un. Así que a miña cabeza facía contas "Un elevado a un, un; un elevado a un, un; un elevado a un, un; un elevado a un, un" e pouco a pouco fun levantando a cabeza ata cruzar a mirada con Pyrex.
Alí estaba ela, sorrindo. Un sorriso que non se sabe moi ben se mostra unha psicopatía ou simplemente alegría. Un ollos simplísimos, como sorprendidos; máis ben, en palabras da avoa de Fátima, son ollos "arreghalados". E o mellor de Pyrex é o bigote. Non sei que se me pasou pola cabeza aquel día, cando lle recortei o código de barras, porque iso podería ter sido unha boca perfecta.
Pyrex ten unha historia simple: foi utilizada nun experimento de Física (maldita a memoria desde experimento) e despois adoptada pola clase de 1º de bacharelato A. Puxémola enriba do armario, e alí estivo, vixiándonos uns tres meses. Ata que marchamos nas vacacións de verán. Logo cando voltamos en setembro, xa en 2º de bacharelato, funa buscar, e coloqueina riba do novo armario. Ás veces imaxino o mal que o tivo que pasar, ela soa, nun edificio tan grande e tan baleiro...e imaxino tamén o mal que o vai pasar cando nos vaiamos en Maio, pero desta vez para sempre. Así que creo que lle vou dicir a Toxo se me deixa poñela no laboratorio, porque tampouco quero sacala do seu hábitat. A quen lle gusta que o boten da súa casa? 
E isto lévame aos exiliados dos anos 30. Este tema xa leva dando voltas na miña cabeza dende que lin Tristes armas, e A revolución dos globos, e A sombra descalza, e Noite de voraces sombras. É unha das cousas que nunca chegarei a comprender. Como pode alguén decidir se quedar ou se marchar, se morrer ou deixar os teus, se abandonar os teus ideais ou levalos a onde non servirán de nada? Ás veces penso que foi mellor que isto lle pasara a aquela xente, e non a nós. Pode parecer un pouco cruel, pero eles si tiveron a iniciativa de marchar e seguir loitando polo que crian. E foi grazas a eles polo que agora nós temos a lingua que temos e como a temos.

1 comentario:

Lorena dijo...

Pyyyrex :) E... pobriña que vai quedar sola... claro po laboratorio po laboratorio... bah xD

intin