2 mar 2010

Outra vaca no millo!

Onte pola tarde discutía con ela sobre a moda. Ela non quería poñer cousas "pasadas de moda", e poñía como exemplo unhas gafas que anunciaba non sei que óptica, que eran "como as de súa abuela". Eu fíxenlle recordar a época dos pantalóns de campana. Eses pantalóns de campana que puxeron os nosos pais nos seus tempos mozos. Logo tamén houbo a época de poñer nos nocellos os "calentadores". Eu xa teño visto fotos de miña nai (miña nai moi nova, cunha melena longuísima) con esa especie de calcetíns que non tapan os pés. E que claro, a moda vai e ven; un ciclo, dicíalle eu. 
Un ciclo pero non un ciclo perfecto. Supoño que foi unha coincidencia, pero esa mañá queixábame do mal costume que teñen os nenos de ir ensinando os calzóns, e non sei eu se existiría esta moda antes... non sei... Pero dáme a sensación de que naqueles tempos nos que non se lles permitía ás mulleres nin ensinar os nocellos (xa os podían levar tapados cunha cousa desas xD), non se lles ocurriría aos homes levar os pantalóns co tiro polos xeonllos. O que si pode ser é que esta moda "pase de moda" e que dentro de vinte anos (por exemplo) se recupere. Iso xa non o podo asegurar.
E neste momento de observación da fauna autóctona, descubrimos unha relación un tanto estraña. Foi un neno que non sei se anda en primeiro ou en segundo. O caso é que, se leva o colo do polo levantado, leva os pantalóns baixados; se leva o colo do polo baixado, coloca os pantalóns no seu sitio. Eu xa o pensei sempre: a moda é ben complicada de entender.
Resúltame tan complicado entender que alguén queira ir ensinando os calzóns como que a xente remate as frases con "que": "vai frio, que?", "pasámolo ben, que?", "é bonito o coche, que?" E así con case todas as cousas que comentan. A primeira vez que o escoitei non souben se tiña que contestar ao "que?" ou se era unha pregunta retórica. Exactamente igual que cando Plácido nos dicía "Ola chicas, que tal?"; claro, ao principio contestamos "Ben! (:", pero cando o repetiu tantas veces xa nos demos conta de que era a súa forma de saudar. Pois iso, unha "muletilla" lle chaman en castelán, que ben sendo o mesmo que o "llou" e o "lo" dos de Aghiño. 
E xúntanse a estas expresións  os refráns e as frases feitas. Son os refráns que din as nosas avoas, que seguramente dixeron as súas nais, e as nais das súas nais... E agora dicímos nós. Estou segura de que non hai nin unha soa persoa que non saiba un refrán. "A avaricia rompe o saco", "po' caso patacas", "Santo Tomás, unha e nada máis", "está a roupa tendida", "era de noche y sin embargo llovía", "cuando el río suena" e todas esas cousas que nos fixeron rir tanto aquel día en Tecnoloxía e Educación Física. 
Eu creo que "hay que cuidar nuestro vocabulario" e deixarse de ques, llous e los, non vaia a ser... non vaia a ser... (:

No hay comentarios: