18 sept 2011

Xarás.

A canteira de Xarás (que en realidade non está en Xarás) leva ducias de anos extraendo granito do monte da Cidá e non hai quen a quite daí. Sempre me estrañou, por estar tan preto do Parque Natural e das casas.

Pero hoxe entereime de que os donos son, curiosamente, primos primeiros de Xoán Carlos I de España. Creo que non puiden evitar poñer cara de asco. 

Así dámonos conta do que verdadeiramente importa na casa consistorial de Ribeira e explícase por que se vai deteriorando todo o que temos.

Así estaba en xuño do 2008.



14 jul 2011

Alerta, spoiler.


Onte entereime de que a quinta temporada de Friday Night Lights (2006 - 2011) é a última. E de repente viñéronme á cabeza todas aquelas series que acabaron prematuramente ou simplemente non acabaron. 

Do primeiro grupo recordo Greek (2007 - 2011), ou de como as series de institutos e universidades non poden durar para sempre, por moitos cursos que repitan os protagonistas. Polas nosas canles nacionais xa pasaron moitas series deste tipo: Compañeros (1998 - 2002), Al salir de clase (1997 - 2002), ou a máis recente Física o Química (2008 - 2011). Por elas foron pasando xeracións e xeracións de estudantes e profesores ata o punto de que na última temporada só quedaban dous ou tres dos iniciais. É algo inevitable, como tamén o é que non tardará en aparecer outra serie do mesmo estilo.

Tamén Héroes (2006 - 2010), esa gran serie que nos absorbeu durante meses e que acabou por perder case toda a súa audiencia cun final case incrible ata para min, simpatizante ata a morte dos personaxes bos e desas que pensan que un malo que se volve bo non pode selo por moito tempo.
 
A Endgame (marzo de 2011 - xuño de 2011) pasoulle o mesmo que a Lie to me (2009 - 2011), Kyle XY (2006 - 2009) ou, máis preto, O Nordés (2009 - 2010): non pecharán a trama, pero tampouco volverán a rodar novas temporadas. E nós, inxenuos serieadictos quedaremos con esas dudas grabadas na conciencia para toda a vida. Quen mataría a ese? Como pode ser que eses dous sexan irmáns? Quen estaba detrás de todos os seus problemas? Por que non saían xuntos se levaban namorados dende antes da primeira temporada?

E falando de finais, non podo esquecer Lost (2004 - 2010). Aquel último capítulo que millóns de persoas esperamos cun nó na boca do estómago e que causou opinións tan dispares coma o negro e o branco. Aínda que moita xente non o considerara un bo final despois de seis temporadas de misterios, por quedaren moitos destes sen resolver, eu considéroo un final digno. 

Hoxe en día, e como xa dixen antes, é un luxo que unha serie teña un capítulo de despedida.


24 jun 2011

San Xoán.

Moita ciencia e moita veracidade, pero ao final acabamos saltando o lume de San Xoán para ter boa sorte o resto do ano. Hai quen prefire pedir desexos. Ou quen vai á praia e salta sete olas, e pide sete desexos, xa que está. 
E preparamos a auga de San Xoán antes do atardecer; non sei para que é, pero cheira ben. Tamén imos buscar auga á fonte, porque é a auga desta noite a que o cura todo. 
E é esta noite cando cremos que todo é máxico, que prende o lume con máis voracidade ca nunca, que intenta falarnos cos seus estalidos, e que as charamuscas nos comunican co máis alá.
San Xoán é a noite do lume, das danzas e de cantar ata deixar as gorxas no ceo  (ou de como acabamos cantando Irmaus a altas horas da madrugada, sen luz, e sen ter nin idea de que acordes había que poñer na guitarra; o mesmo para a Danza Kuduro (ou Koduro, depende de quen cante), Uno más uno son siete e ducias de cancións máis).

18 jun 2011

Premio Olloboi 2011.

Gran curta a gañadora deste ano, anunciada nunha gala atropelada, pero ben simpática, lixeira e entretida:

17 jun 2011

obliviate.

A pesar do meu asombro, este non conseguiu entrar cos finalistas en ningunha das tres categorías do Olloboi 2011. Unha pena, porque é fantástico! Aquí vo-lo deixo.


6 jun 2011

Unha flor de papel.

Gustaríame ensinarvos como nos gusta pasar o tempo de vez en cando.

O mellor de todo non é pasar horas e horas pensando na trama da curta. Nin que estea tirada na cama ás sete da mañá, intentando durmir e cun mareo que nin nunha tarde de pesca nunha dorna e me diga "agora que estás borracha, pensa nunha curta que de seguro che sae algo bo!". Nin cando Raquel di "pois pode ir dun cabaleiro da corte e outro cabaleiro da corte das vacas que intentan cortexar a unha muller, e todo isto nos tempos de Chaplin".
Non, o mellor de todo é cando a xente se viste, e di "si, vale, Chaplin, e agora que?", e as escenas e os planos van xurdindo pouco a pouco ao longo da tarde. E o que máis se escoita é "ti improvisa, improvisa".
O resultado sería isto, e un mundo de bromas e lágrimas de risa :)



3 jun 2011

Every teardrop is a waterfall.


Hoxe sae o novo single de Coldplay. Non lle gusta a ninguén, creo que porque se parece sospeitosamente a Ritmo de la noche. Pero a min gústame. E como veño de dous días de festa marabillosos, recórdame a todos os bos momentos que pasei e a todas as persoas que estaban alí.

4 may 2011

3 may 2011

Blues.

O blues é unha das formas que máis aceptación teñen dentro da música de guitarra, tanto para o que escoita como para o que toca. Por que non? Quen pode resistirse aos relaxados ritmos, as expresivas melodías e as conmovedoras letras do blues? O blues pode chegar a desgarrarnos o corazón cos seus lamentos de dor. Non calquera música pode transmitirnos a pena dun pobre home e o seu terrible calvario no corredor da morte, condeado por un crime que non cometeu e abandoado pola moza e o seu mellor amigo. Ai, que doce tristeza!

Mark Phillips, Jon Chappell.

28 abr 2011

Harry Potter e as reliquias da morte - 2ª parte.

Dixen que non o quería ver, que prefería que fose unha sorpresa. Pero a tentación era demasiado forte e caín nela, de tanto diciren nos telediarios que era a parte máis emocionante da saga... Así que aquí deixo un tráiler, para telo á man :)
Xa me poñen nerviosa os avances, non quero pensar o que me fará a película!



20 abr 2011

Lugo.

Día 1.
Erguerse cedo para comezar o día de autobuses. Elaborar plans A, B, C e D para intentar pagar menos no bus Santiago-Lugo e, practicamente despois, descubrir que non fai falla. Planear unir dous países con pelos e sinais. Primeira visita ás Murallas. Estarán no piso? Ver Phineas e Ferb, compra e comida. Sobremesa vagueando nos sofás. Paseo fantástico de tres horas pola beira do río Rato. Cañas e descubrir que o Castelo é "case tan bo" coma o Museo. Estiveron no piso!! Sesión de relaxación e a durmir.

Día 2.
Almorzar na estación. Coller o tren das 9:22 cara a Monforte. O revisor déixanos ler O Progreso porque na estación non hai quioscos. En Monforte chove. Conseguir chegar ao centro e dicir un gran "Oooohhh!!!" ao ver a fortaleza. Mola porque está aló arriba. En Monforte non hai oficinas de información ao turista, hai un mapa na praza de España. Hai tamén unha rúa da Cerca (cerca ou cErca, non sei) e unha rúa da Corna; case coma Aguiño!! Subimos, vemos as murallas, a torre e o parador. Gústannos as vistas. Quedamos un rato a descansar.  Baixamos a ver a igrexa e a buscar un sitio para comer. A igrexa impresionante e o restaurante agradable. Como o día anterior, paseo de sobremesa ás beiras do río Cabe. Os "Cacho-patos", "De-oca-a-oca" e "Tiro-porque-me-toca". En Monforte segue a chover. Tanto que acabamos na estación dúas horas antes de que saia o tren. O revisor recórdanos de pola mañán. Píntolle bigotes á xente da Qué me dices! Decidimos vaguear unha vez máis nos sofás de Fátima. Vemos Phineas e Ferb, Xiz, El Hormiguero e todos os telediarios. Gran día. Quedo a durmir no sofá.

Día 3.
Custa erguerse da cama. Vestirse, almorzar, recoller e última visita ás murallas. Por riba delas hai case tanta vida coma por baixo. Descubrimos un bar acolledor de bocatas ricos. E despois autobuses. Durmo en todos e cada un deles. Como se agradece! E como se agradeceron os tres días lonxe, e "desconectando" :)


16 mar 2011

Moreno.

O único tecido pigmentario que ten o ser humano son os melanóforos ou melanocitos. Son unhas células ramificadas da epiderme, a nivel da lámina basal, que dan cor a pel, pelo e ollos. As ramificacións citoplasmáticas sitúanse entre as células epiteliais en continua división. No seu interior os melanocitos almacenan melanina en gránulos rodeados de membrana, que se chaman melanosomas. A melanina dá unha coloración parda ou roxiza. A función dos melanocitos é a protección do organismo contra da radiación ultravioleta. 

Isto é, cando o melanóforo está exposto a unha radiación ultravioleta constante, absorbe estes  raios e produce melanina, que almacena no seu citoplasma. As células do epitelio fagocitan as ramificacións do melanóforo, polo que a melanina pasa a acumularse nas células epiteliais. 
Unha das características da lámina basal é a súa propiedade renovadora. E, así, as células menos diferenciadas son as máis próximas á lámina basal. Por iso, cando cesa a exposición á radiación e os melanóforos paran de producir melanina, a nova capa de epitelio que se forma nese momento carecen de melanina. 

E, como os epitelios de revestimento sofren un importante desgaste e descamación, sobre todo os que recobren o exterior dos organismos, a renovación acaba por levar as células epiteliais tinguidas de melanina a formar a capa máis externa. Máis tarde será a capa sen melanina a que o faga.



E con isto veño a explicar por que nos poñemos morenos no verán e por que "se nos vai o moreno" no inverno. Que unha nunca se parara a pensar como era que ocorría, que lle parecía máis ben algo semellante á evaporación. O mesmo que nunca se parara a pensar que a americana de seu pai non se lle chamaba americana porque viñera de América. Ou que os grans da lingua non saían por dicir mentiras.
É así. Unha día aparece unha luz que aclara as cousas, e os pensamentos, e todo cambia de cor.

18 feb 2011

Proba e erra.

Somos da xeración da proba e o erro. É verdade. Só lin un libro de instruccións na miña vida: o da calculadora, para saber para que servían tantos botonciños. 
Pola contra, meu pai non me deixou utilizar o reprodutor de música do coche ata que el leu o capítulo correspondente. 

Neste tema, coma en moitos outros, haberá gran variedade de opinións. A min sempre me dixeron que dos erros se aprendía mellor. Cando lle cortei as follas a aquela planta cunhas tixeiras e morreu ao pouco tempo, comprendín que non se lle poden cortar as follas ás plantas. Cando movín o cable vermello da CPU e todo comezou a vibrar, souben que a ese cable non se lle pode tocar. Cando aquel coche se puxo a pitar coma un tolo para que me apartara, dinme conta de que non me podo parar a mirar o reflexo do ceo nas pozas do centro de Santiago. 
A verdade é que cos aparellos electrónicos e todo moito máis sinxelo. Se eu quero que reproduza música, pulso un botón. Que non reproduceu música? Pois pulsamos outro!

Que si, que pode ser que moitas veces as cousas se estropeen por este costume meu. Pero se sirve para afianzar a miña opinión, cando lin o libro de instruccións da calculadora, non aprendín nada novo.

16 feb 2011

It's who you're with.

What you do with your life is just one-half of the equation.
More importantly it's who you're with when you're doing it.


Post Grad.

8 feb 2011

A luz vese?

Vaia pregunta. Eu, automaticamente, mirando para as lámpadas, respondín que si, que claro que se vía. E el dixo que non, que viamos as cousas que a luz alumea. Claro, claro que si, que ten razón. Pero inmediatamente el di que non. Que iso é o que pon na gran marioría de foros da Rede. Exactamente: "a la luz la utilizamos para ver los objetos que ella ilumina" e outras frases que veñen a dicir o mesmo. Si, comprobeino. 
Máis tarde explicou que a luz si que se ve. Vemos a luz que reflicte nos obxectos e penetra nos nosos ollos. 

E con todo isto que dicir que os seminarios de Técnicas Básicas veñen sendo case todos bastante entretidos e interesante. Outra cousa é que teña ganas de ir ás prácticas, que son ás nove da mañán! E levo cinco meses con horario de tarde!

6 feb 2011

Sábado, 3:45.

Eu non paro de rirme e Fátima vai no baño. Pero non vai vomitar. Acórdaste cando puxeron Muse aquí? E Kings of Leon? E Fátima volve do baño. Xa chamou a nai de Lorena e ahora vai no baño. Que non lle rouben o móbil, disque. E Fátima que conta? E ti que contas Fátima? Está ben pero encóntrase mal. Eu tamén estou ben pero vexo o mundo con arcoiris. Pídelle unha de The Killers. Non está o de sempre. Ti onde cres que foi? A un sitio cerca. E non hai cobertura. Imos pronto. Hai un sorriso e eu creo que é unha muller.

Espero que non volva a me dar por escribir a esas horas da noite. Espero.

3 feb 2011

Benestar animal.

E dende onte sigo a pensar en como é que as leis do Estado protexen máis aos animais en experimentación que ás propias personas. Ben, pode ser que non sexa así, pero chamoume moitísimo a atención que foran aqueles 5 os requisitos a cumprir na vida destes animais.
Despois de anos escoitando a xente queixándose do uso de animais na investigación, sorprendeume que exista unha longa historia lexislativa nese tema.
Xa sei que é posible que estas leis non se cumpran na gran maioría dos laboratorios, pero gústame confiar en que existen persoas con ética laboral e sentido común. Non como estas rapazas que citaba o Doutor, que aseguraban que "los animales no sufren porque no tienen alma".

27 ene 2011

Cando tes demasiado tempo libre.

Parece ser que estaba bastante pesada a semana pasada :)
E agora que rematei os exames non é que estea rebordante de alegría, pero ese peso xa non está aí. Supoño que pouco a pouco me fun dando conta de que os exames non o son todo. Mentras intentaba estudar Química ("intentaba" porque ao final non houbo maneira) fun quen de sacar dez cousas boas que me pasan ao longo do día. E foi fácil, non te vaias pensar. Fácil e mais sentou ben.
Porque vale, que en Santiago non hai grilos. E cando as conversas fican sen palabras, soan motores e sirenas. Non hai nin grilos, nin silenzo polas noites. Por iso custa tanto quedar a durmir, porque soan motores e sirenas que espertan pensamentos que eu xa tiña almacenados. E tampouco hai luz polas mañáns, porque esa mole de formigón armado non a deixa entrar. Nin hai paxariños píando nas ventás. Nin tampouco aire para respirar.
Pero sen todo iso, e sen moitas cousas máis, en Santiago estase ben. Está esa gran cantidade de xente que che permite xogar a ver quen atopa primeiro un sorriso. Se quero xogar algo así aquí, xa me podo preparar para andar unha hora antes de encontrar alguén na rúa. E están tamén Lucía e Estefi e esas grandes noites cociñando, estudando e vendo a tele. Todas esas librerías con libros (non como algunhas que visitei eu hoxe... en fin... sen comentarios).
E si, a pesar de que me importen moito menos as calificacións, está tamén a Bioloxía. Esa gran parte da miña vida. Como din os outros, canto remate o Grao, acabarei traballando no Corte Inglés, pero aquí está a mellor xente do mundo :)

20 ene 2011

Do mundo ata as tapas.

Acabo de ler sobre un estudo da Universidade de Chicago, que di que os alumnos que escriben os seus medos antes dun exame sacan mellores puntuacións. Ben, eu non o vou facer porque queira sacar mellores puntuacións, senón porque neste momento son incapaz de estudar e creo que dalgunha maneira pode ser últil.

Sabes cando se che acumulan demasiadas cousas? Non me refiero a traballos, exames ou cousas desas. Digo pensamentos, sentimentos, pasaxeiros escuros; como prefiras chamarlles. Ao principio déixalos estar, porque non son moitos e non pesan. Pero agora mesmo eu estou tan saturada que non podo nin pensar. 
Si, sei que foi iso a gota que colmou o vaso. E sempre que penso nesa frase, recordo aquel libro sobre a guerra civil e uns nenos exiliados en Rusia (ou así) que dicían "si, pero a gota que colma o vaso, sempre deixa o vaso cheo". Pois este é outro pasaxeiro escuro: que vou seguir co vaso cheo ata sabe deus cando. 
E non quero ánimos, porque sei que os ánimos non van servir de nada. Como non serve para nada mercar boliños nas pastelarías, beber tilas, respirar profundamente durante máis de dez minutos, ou mirar para os apuntes e preguntarme por que me pasa isto a min.

Sabes do que estou falando?

E non me mola nada que a entrada máis longa dende hai... non sei, moito, sexa tan deprimente e estupidamente sen sentido.

9 ene 2011

9 de xaneiro.


Aí está. Aló van as vacacións. Quédame o bo recordo de telas comezado antes de tempo e de ir de parranda matutina, vespertina e nocturna :) Hai unha cousa que aínda non decidín: non sei se me queda bo recordo de ter un Nadal como os de sempre, ou se me queda un mal recordo por non ter estudado nada nestas tres semanas. Supoño que o descubrirei cando faga todos os exames e vexa as notas. 
Polo de agora confórmome pensando en cando David e eu recibimos a Fátima e a Lorena e inauguramos as vacacións. Ou en entrar e saír de tendas inmediatamente. As mandarinas de nadal, con follas, follas. Volare, oooh! Todas as películas e temporadas e temporadas e temporadas de series que vin metidiña na miña cama. Ir con Fátima a Santiago, pasalo xenial e acabar fatal, fatal. Fin de ano. Primeiros de ano no Triskel. A danza kuduro esa. E si, sobre todo a parrada pre-parranda preexames, e a parranda preexames. 
Xa, xa sei que me paso poñéndolle nombres as parrandas, pero axúdame a recordalas mellor :)

4 ene 2011

Comezar outra vez.

Aló vai o 2010. Tan rápido coma os anos bos. 
Ao 2011 non penso pedirlle nada. Teño aprendido que non se pode esperar que pase unha cousa ou outra, porque ao final non pasa, ou pasa dunha forma totalmente diferente á esperada. E iso é o bonito de estar aquí. As sorpresas dos días, das viaxes e da vida. 
E si, pode ser que con isto estea intentando explicar por que aínda non comecei a estudar para os exames das próximas semanas. Os meus compañeiros estudando día e noite e eu aquí, negándome a aceptar que se acabaron as vacacións de Nadal coma as de antes. Iso si, son unhas boas vacacións de Nadal :)