5 abr 2010

Día menos corenta e oito.

Así que esta é a fin das vacacións de Semana Santa do 2010. E neste momento a pregunta é: aproveitámolas ben? Eu creo que si. Aínda que a verdade é que creo que non fixen todas as cousas que tiña apuntadas nas miñas listas de Semana Santa, porque as perdín, as dúas. Definitivamente facer listas non serve para moito. Os primeiros días sabes o que tes que facer, nin che fai falta mirar os papeis. Pero a estas alturas, coas follas posiblemente na caixa de reciclar, o único que me quedan son os recordos destes trece días. E non sei se algún destes recordos estaba en algunha das listas.
Recordo tardes entre cartulinas, recortalas e pegalas; foi fantástico. Recordo tamén horas e horas na Morrison, e ese costume que temos agora de levar comida: Rufinos, caramelos, tortas... As desilusións de atopar os nosos sitios pechados, ou ateigados de xente. A emoción de atopar novos sitios, e de que os sitios gusten. Recordo cruzar a liña imaxinaria que separaba os 17 dos 18 e ao mesmo tempo recibir un montón de regalos, e entre eles os meus amigos. E ademais un libro cheo de marabillosos recordos e mensaxes de ánimo para o que espero sexa unha vida longa, e que sexa unha vida con eles (cos amigos, non cos recordos e coas mensaxes). Tamén recordo pasear polas rúas de Ribeira, con chuvia, vento, frío e noite. E Raquel e os seus monólogos monotemáticos, as súas teorías sobre a vida e os seus plans de futuro. Recordo unha tarde  e unha noite marcadas pola Impinxidela, e por unha mente que non paraba de traballar, de soltar ideas e de anotar cousas en recunchos aos que agora xa non son quen de chegar. Fabrizio de André e a súa Ballata dell'amore cieco, Promenade ou Walking the dog de Gershwin, Bailar pegados de Sergio Dalma, Hot and Cold de Katy Perry e o Baile da avestruz. E recordo ver as dúas últimas temporadas de Chuck (téñenme dos nervios con eses cambios na trama!); ler Arraianos de Xosé Luís Méndez Ferrín e Un viejo que leía novelas de amor de Luís Sepúlveda; e comezar a ler Corazón de tinta de Cornelia Funke e Invisible de Paul Auster.
Si, aínda que non se cumpliran as listas foron unhas vacacións estupendas.
E agora o que nos queda e coller aire. Coller aire e non soltalo ata mediados de xuño. Porque así, se vemos que nos asfixiamos, sabemos que sempre vamos ter un pouco aire de reposto. E as cousas vannos ir ben, porque mo dixo aquel borracho o un de xaneiro. "Elviriña, este vaiche ser un ano moi bo. Bo? Vai ser o mellor ano! Que cho digho eu!". E eu quero crer o que dixo aquel rapaz, e creo.

1 comentario:

Lorena dijo...

:D Pero non poñas números...