25 jun 2010

O mundial dos incendios.

Vía Greenpeace España.


Segundo datos oficiais do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, en España houbo 18.626 incendios forestais ao ano de media na última década. Isto implica unha superficie queimada de 123.441 hectáreas anuais de media. 
Asumindo que un campo de fútbol ocupa aproximadamente unha hectárea (110 m por 74 m, como máximo), poderíamos afirmar que nos últimos dez anos queimáronse en España 123.441 campos de fúbtol ao ano.
Isto implica que, no tempo que durará o próximo partido de fútbol que vexamos, poderíase queimar en España unha superficie superior a vinte campos de fútbol. Queres saber máis sobre incendios forestais?

21 jun 2010

Só entón poderás volver a voar.

Video-recordo do que foron os nosos anos no instituto.  Nada comparable a todas as aventuras que vivirán na nosa memoria para sempre :)

20 jun 2010

Que futuro lle espera ao noso planeta?

Onte acabei de ler La tierra herida. ¿Qué mundo heredarán nuestros hijos? de Miguel Delibes e Miguel Delibes de Castro. Tardei un montón en rematalo porque tiven que preparar o Selectivo, pero polo de agora o récord teno Genoma, que entre unhas cousas e outras levoume uns oito meses (mira que roubaba tempo o instituto! ;D). 
Pero bueno, La tierra herida é un libro que non deixa indiferente. Sexa cal sexa a túa postura sobre os problemas ambientais que afectan e afectarán á Terra, é imposible que algo non che cambie dentro ao ler a última folla. Ademais explica de forma sinxela cada un destes problemas, con referencias a obras e a persoeiros de alto rigor científico, así que teriamos que ser moi escépticos para non aceptar que esas cousas están pasando. De feito, fanse bastantes referencias a este tipo de persoas. O mesmo Delibes era un deles. Sorprendeume como se cerraba en banda cando o seu fillo intentaba explicarlle a importancia da biodiversidade; como algo que para min é básico e imprescindible, era para el intranscendente. Sentinme máis ou menos igual que cando meu pai me dixo que aquí a chuvia era auga destilada (mentres falabamos da chuvia ácida en Galicia). Para que isto non pasase tan frecuentemente estaría ben que todas as persoas lesen un libro desta índole, e despois actuasen en consecuencia, sendo concientes do que os seus actos lle poden supoñer ao medio ambiente. 
Outra cousa que tamén me fixo pechar o libro e poñerme a pensar mirando para o teito foi o futuro da Terra. Aquí plantexan varias posibilidades, e na miña cabeza vese máis probable que primeiro suban as temperaturas considerablemente como consecuencia do quecemento global e que despois, a causa da fusión dos casquetes polares e da interrupción da Corrente do Golfo, se conxele todo o norte do noso hemisferio (polo menos!!).
Claro, eu pensaba que ía ser unha pena cando morrese, porque quedaría sen saber como sería a Terra dentro de cen anos. Pero case ao instante xa me dei conta de que iso é unha parbada. Que máis me dará a min como estará a Terra? Aquí o importante é intentar deixarlle as cousas o mellor posible para todos os que veñen, intentar solucionar un pouco o que estragaron os países no proceso do seu desenvolvemento, para que estes que veñen non teñan que se facer a pregunta que subtitula o libro: que mundo herdarán os nosos fillos?


18 jun 2010

Selectivitos :)

Xa está. Oito meses esperando o momento e marcha nun abrir e pechar de ollos. É certo que por unha parte está ben que sexa así: que os nervios de antes do exames, os nervios de durante os exames e os nervios de despois dos exames, a úlcera do exame de Castelán, a xente a chorar, Charo II, Carlos e Ángel, as camas e as duchas da pensión, as malas noites, pasaran tan rápido.
Pero está claro que foi unha experiencia inesquecible. A nosa primeira aventura pseudouniversitaria! Ter o refuxio a 5 minutos da Facultade, e tamén poder dicir "Eu xa almorzo un café na Facultade" :) 
E non hai nada comparable a saír dun exame coa sensación de telo ben feito, de comparar resultados e coincidir, de recibir a folla das preguntas e pensar que a vida non pode ser máis bonita. Ou a estar once horas facendo ou esperando exames, e recibir visitas (sorpresas e non sorpresas) de xente que aprecias, e que ven nada máis que para darche ánimos (moitísimas grazas!!). E ter alguén aí sempre para axudar. Os compañeiros da fila de diante. Chegar á noite e reunirnos nunha habitación para facer tonterías. Chegar á mañán e contar as tonterías que cada un fixo na súa habitación ao irnos deitar (polo que teño oído, eu recoméndovos que non durmades con Miguel ;D). Raquel e Monti Castiñeiras. Numerar follas de apuntes en vez de estudalos. Maquillar compañeiros e beber catro litros de zume de naranxa. Dar misa en pixama e tirada na cama. Estudar e ler libros (oh! Ler libros! ^^) no cuarto de baño. Chamar ao instituto e que non se nos recoñeza ou que nós non recoñezamos. Dicir a primeira cousa que nos vén á cabeza por non ter forzas para filtrar contidos. E moitas outras cousas que o meu canso cerebro non é quen de recordar, pero que xurdirán en calquera momento e non poderei evitar sorrir.
Dende logo, quen nos dixo que ir a Selectivo merecía moito máis que a pena non podería ter máis razón!!

11 jun 2010

A metade do alumnado de bacharel prepara o exame de selectividade

As probas de acceso á universidade levarán a cabo o mércores e xoves da próxima semana.

Aínda que a comarca atópese pasada por auga, o verán desconta os días para o seu inicio oficial e, mentres tanto, un puñado de mozos da comarca prepárase para afrontar unha nova etapa na súa vida: o acceso á universidade. Dos 596 alumnos que este ano realizaron segundo de bacharelato, un total de 283 decidiron presentarse ás probas de selectividade. A cifra representa a metade do número de estudantes que houbo en segundo de bacharel no período 2009-2010 e corresponde aos que lograron aprobar en xuño. De feito, non chegan a media ducia os mozos que descartaron concorrer á proba porque teñen claro que as súas opcións de futuro non pasan pola realización dunha carreira universitaria.

Agora que Raquel é famosa, pasan estas cousas... :)


5 jun 2010

Estudantes do Leliadoura analizan a biodiversidade.

Vía La Voz de Galicia.
O docente Groveiro, con algunhas das alumnas participantes
Alumnos de segundo de ESO e de bacharelato do instituto Leliadoura de Ribeira efectuaron diversos traballos sobre a biodiversidade que foron expostos onte con motivo da celebración do Día Internacional do Medio Ambiente. De coordinar as actividades encargouse o profesor Xosé Luís Groveiro.
Os estudantes de Ciencias de segundo de ESO estudaron o cambio climático e a capa de ozono. As súas conclusións expuxéronas aos seus compañeiros valéndose das novas tecnoloxías.
Pola súa banda, os alumnos de Ciencias da Terra, de segundo de bacharelato, presentaron un vídeo no que se mostran sete puntos de contaminación no municipio de Ribeira.
Os estudantes localizaron verteduras en Aguiño, Corrubedo e no peirao ribeirense. No seu traballo tamén falaron sobre os efectos negativos que os incendios forestais teñen sobre o medio ambiente tamén foron obxecto de estudo polos rapaces.
Ademais, falaron sobre o punto limpo e sobre a utilidade que teñen este tipo de espazos habilitados para depositar residuos.

Encántame, sobre todo, como está redactado o cuarto parágrafo e como explican mal o noso traballo :)
De todas formas, sempre gusta ver este tipo de cousas. E estas

oito.


pobre pequeno insomne,

que sabe de memoria os contos de legumes e princesas

e os nomes das ovellas todas

e por iso le poemas de amor, para que o arrolen

non ves que non podemos saír?

non oes a praia baixo a nosa casa?

que por deitar eu a cabeza no teu peito

o mar andou detrás da lúa para atoparnos

e así, chegou ata as lousas da quintana

onde agarda todas as noites para separarnos

e levarme dentro

ao sitio do que eu veño

e pálidas, as horas de berenguela acompañan a marea

que só descansa co sol do mediodía.

así foi o océano na cidade

-conteiche. ata que quedaches durmido.

e batía forte na fonte dos cabalos

Berlín, María Lado.

2 jun 2010

Informe sobre o estudo na biblioteca :D

Hoxe Rá invitoume a estudar na biblioteca de Ribeira. Eu non sabía se ir ou se estudar na casa porque non me convencía a idea de ler nun lugar tan cheo de xente, pero ao final fun, para probar.
E tiña razón: demasiada xente estresándose ao mesmo tempo. Eu, que estou acostumada ao silenzo que me proporcionan os tapóns á hora de estudar, non facía máis que distraerme escoitando pasar apuntes, sacar libros, pousar bolígrafos, continuos murmurios incomprensibles, coches pasando pola rúa, a porta da entrada, o neno da trompeta. E aquela calor que non afogaba cos ventiladores!!
A pesar disto, non foi unha tarde mala. Pensar en que estiven estudando catro horas seguidas e que aínda recordo algo faime sentir ben. Ao igual que saber que non estou sufrindo eu soa, que hai máis xente que ten que estudar o mesmo ou incluso máis. Son cousas que non conseguiría e que non sabería se estudara na casa. 
Raquel non conseguiu tanto. Queixábase porque só resumiu medio tema da transición en toda a tarde. Pode que fora culpa miña: cando comecei coa bioquímica non facía máis que preguntarlle se recordaba tal cousa, ou tal outra do ano pasado. Aínda que foi ela quen me distraía ao principio coas súas cousas, cando andaba coa Historia a voltas.
Posiblemente volva, non todos os días pero algún si. É unha forma de estudar de forma continua, de evitar buscar na Rede calquera cousa que se me ocorra, e de compartir sufrimento con outra xente :)

1 jun 2010

Esquecer.

A xente non sabe perdoar. Míranse á cara e aceptan as disculpas, pero non esquecen. Lorena deulle cun avión de papel a Joserra na cara e díxolle que grazas a iso fora o mellor día da súa vida. Joserra perdoouna, pero segue a recordallo sempre que pode. 
Esquecer é máis difícil do que parece. Cando está o esquezo polo medio, rara vez se consegue o que se propón: non se quere deixar de recordar cousas pero o cerebro humano non está preparado para funcionar durante tanto tempo; quérese deixar de recordar pero o cerebro humano traballa a traizón e prefire que aprendamos da experiencia.
Definitivamente, o cerebro non é unha maquina perfecta. Se o ser humano é como é, se comete os seus erros característicos, é pola forma de traballar o cerebro. E non son só erros, moitas veces acabamos por convencernos a nós mesmos de que algo é certo. Atamos cabos e, onde había discrepacias, vemos evidencias. Como a quen se lle dixo que dous famosos eran irmáns e terminou por atoparlles semellanzas. Ou aos que se lle dixo que "os de Ciencias eran máis listos que os de Letras" e agora veno tan certo como o chan que pisan. Unha imaxe que aparece tras romper o espello que se interpoñía entre ela e o seu observador.
En realidade, eu non recordo quen me dixo que "os de Ciencias eran máis listos que os de Letras", pero supoño que estas cousas non as invento eu. No fondo (moi no fondo, supoño), sei que non somos diferentes. Ben, diferentes si, pero non uns mellores ca outros. Iso si, imos nós máis preparados, en canto a coñecementos tanto de letras como de ciencias. 
De todas formas, non está ben xeralizar. Por exemplo, hoxe Raquel, estudante de letras purísimas, asistiu á clase de Bioloxía; outra cousa é que soubese facer os problemas de xenética... pero iso xa é outro conto ;)