Onte acabei de ler La tierra herida. ¿Qué mundo heredarán nuestros hijos? de Miguel Delibes e Miguel Delibes de Castro. Tardei un montón en rematalo porque tiven que preparar o Selectivo, pero polo de agora o récord teno Genoma, que entre unhas cousas e outras levoume uns oito meses (mira que roubaba tempo o instituto! ;D).
Pero bueno, La tierra herida é un libro que non deixa indiferente. Sexa cal sexa a túa postura sobre os problemas ambientais que afectan e afectarán á Terra, é imposible que algo non che cambie dentro ao ler a última folla. Ademais explica de forma sinxela cada un destes problemas, con referencias a obras e a persoeiros de alto rigor científico, así que teriamos que ser moi escépticos para non aceptar que esas cousas están pasando. De feito, fanse bastantes referencias a este tipo de persoas. O mesmo Delibes era un deles. Sorprendeume como se cerraba en banda cando o seu fillo intentaba explicarlle a importancia da biodiversidade; como algo que para min é básico e imprescindible, era para el intranscendente. Sentinme máis ou menos igual que cando meu pai me dixo que aquí a chuvia era auga destilada (mentres falabamos da chuvia ácida en Galicia). Para que isto non pasase tan frecuentemente estaría ben que todas as persoas lesen un libro desta índole, e despois actuasen en consecuencia, sendo concientes do que os seus actos lle poden supoñer ao medio ambiente.
Outra cousa que tamén me fixo pechar o libro e poñerme a pensar mirando para o teito foi o futuro da Terra. Aquí plantexan varias posibilidades, e na miña cabeza vese máis probable que primeiro suban as temperaturas considerablemente como consecuencia do quecemento global e que despois, a causa da fusión dos casquetes polares e da interrupción da Corrente do Golfo, se conxele todo o norte do noso hemisferio (polo menos!!).
Claro, eu pensaba que ía ser unha pena cando morrese, porque quedaría sen saber como sería a Terra dentro de cen anos. Pero case ao instante xa me dei conta de que iso é unha parbada. Que máis me dará a min como estará a Terra? Aquí o importante é intentar deixarlle as cousas o mellor posible para todos os que veñen, intentar solucionar un pouco o que estragaron os países no proceso do seu desenvolvemento, para que estes que veñen non teñan que se facer a pregunta que subtitula o libro: que mundo herdarán os nosos fillos?
No hay comentarios:
Publicar un comentario