27 ene 2011

Cando tes demasiado tempo libre.

Parece ser que estaba bastante pesada a semana pasada :)
E agora que rematei os exames non é que estea rebordante de alegría, pero ese peso xa non está aí. Supoño que pouco a pouco me fun dando conta de que os exames non o son todo. Mentras intentaba estudar Química ("intentaba" porque ao final non houbo maneira) fun quen de sacar dez cousas boas que me pasan ao longo do día. E foi fácil, non te vaias pensar. Fácil e mais sentou ben.
Porque vale, que en Santiago non hai grilos. E cando as conversas fican sen palabras, soan motores e sirenas. Non hai nin grilos, nin silenzo polas noites. Por iso custa tanto quedar a durmir, porque soan motores e sirenas que espertan pensamentos que eu xa tiña almacenados. E tampouco hai luz polas mañáns, porque esa mole de formigón armado non a deixa entrar. Nin hai paxariños píando nas ventás. Nin tampouco aire para respirar.
Pero sen todo iso, e sen moitas cousas máis, en Santiago estase ben. Está esa gran cantidade de xente que che permite xogar a ver quen atopa primeiro un sorriso. Se quero xogar algo así aquí, xa me podo preparar para andar unha hora antes de encontrar alguén na rúa. E están tamén Lucía e Estefi e esas grandes noites cociñando, estudando e vendo a tele. Todas esas librerías con libros (non como algunhas que visitei eu hoxe... en fin... sen comentarios).
E si, a pesar de que me importen moito menos as calificacións, está tamén a Bioloxía. Esa gran parte da miña vida. Como din os outros, canto remate o Grao, acabarei traballando no Corte Inglés, pero aquí está a mellor xente do mundo :)

20 ene 2011

Do mundo ata as tapas.

Acabo de ler sobre un estudo da Universidade de Chicago, que di que os alumnos que escriben os seus medos antes dun exame sacan mellores puntuacións. Ben, eu non o vou facer porque queira sacar mellores puntuacións, senón porque neste momento son incapaz de estudar e creo que dalgunha maneira pode ser últil.

Sabes cando se che acumulan demasiadas cousas? Non me refiero a traballos, exames ou cousas desas. Digo pensamentos, sentimentos, pasaxeiros escuros; como prefiras chamarlles. Ao principio déixalos estar, porque non son moitos e non pesan. Pero agora mesmo eu estou tan saturada que non podo nin pensar. 
Si, sei que foi iso a gota que colmou o vaso. E sempre que penso nesa frase, recordo aquel libro sobre a guerra civil e uns nenos exiliados en Rusia (ou así) que dicían "si, pero a gota que colma o vaso, sempre deixa o vaso cheo". Pois este é outro pasaxeiro escuro: que vou seguir co vaso cheo ata sabe deus cando. 
E non quero ánimos, porque sei que os ánimos non van servir de nada. Como non serve para nada mercar boliños nas pastelarías, beber tilas, respirar profundamente durante máis de dez minutos, ou mirar para os apuntes e preguntarme por que me pasa isto a min.

Sabes do que estou falando?

E non me mola nada que a entrada máis longa dende hai... non sei, moito, sexa tan deprimente e estupidamente sen sentido.

9 ene 2011

9 de xaneiro.


Aí está. Aló van as vacacións. Quédame o bo recordo de telas comezado antes de tempo e de ir de parranda matutina, vespertina e nocturna :) Hai unha cousa que aínda non decidín: non sei se me queda bo recordo de ter un Nadal como os de sempre, ou se me queda un mal recordo por non ter estudado nada nestas tres semanas. Supoño que o descubrirei cando faga todos os exames e vexa as notas. 
Polo de agora confórmome pensando en cando David e eu recibimos a Fátima e a Lorena e inauguramos as vacacións. Ou en entrar e saír de tendas inmediatamente. As mandarinas de nadal, con follas, follas. Volare, oooh! Todas as películas e temporadas e temporadas e temporadas de series que vin metidiña na miña cama. Ir con Fátima a Santiago, pasalo xenial e acabar fatal, fatal. Fin de ano. Primeiros de ano no Triskel. A danza kuduro esa. E si, sobre todo a parrada pre-parranda preexames, e a parranda preexames. 
Xa, xa sei que me paso poñéndolle nombres as parrandas, pero axúdame a recordalas mellor :)

4 ene 2011

Comezar outra vez.

Aló vai o 2010. Tan rápido coma os anos bos. 
Ao 2011 non penso pedirlle nada. Teño aprendido que non se pode esperar que pase unha cousa ou outra, porque ao final non pasa, ou pasa dunha forma totalmente diferente á esperada. E iso é o bonito de estar aquí. As sorpresas dos días, das viaxes e da vida. 
E si, pode ser que con isto estea intentando explicar por que aínda non comecei a estudar para os exames das próximas semanas. Os meus compañeiros estudando día e noite e eu aquí, negándome a aceptar que se acabaron as vacacións de Nadal coma as de antes. Iso si, son unhas boas vacacións de Nadal :)