Pero non, isto vai de que me tocou realizar a enquisa sobre a felicidade para a Impinxidela. A idea tívoa Nacho, dunha reportaxe así, coma esta, sobre Bután e a súa Felicidade Interior Bruta. Agora a nosa intención é calcular a FIB no instituto. E entre unhas cousas e outras comezo a preguntarlles se son felices.
Raquel, David e Lorena son felices; Noemi non o é. Así que un 75 % do Leliadoura é feliz. Pola miña cabeza empezan a pasar preguntas, aparentemente sen sentido, pero que no fondo (moi no fondo) poden ter relación con esta felicidade. A primeira delas fracasa: nin Raquel, nin David, nin Noemi, nin Lorena foron algunha vez ás setas. A segunda ten un éxito parecido: a Raquel faina feliz a comida (por iso anda repartindo caramelos de menta, para compartir a súa felicidade ;D) pero a Noemi non. A xente comeza a fartarse das miñas preguntas ("Estasme preghuntando todo o que che pasa pola cabesa?!") e nun intento por sacar a flote a miña primeira teoría, busco un último suxeito para o meu estudo preliminar: "Toxo, ti eres feliz?" "Mujer.... pues sí." "E vas ás setas?" "Uf! Asíii de veces!". Estas preguntas, que non cumpriron o seu obxectivo, conseguiron que non fixeramos nada en toda a clase de Bioloxía. Foi así un pouco como o refrán "Se un non quere, dous non discuten", só que neste caso, non quería dar clase ningún dos dous. Así que estivemos a contar contos, contos que levaron a dúbidas como "Por que doen as tempas cando bebes algo frío?", "Por que temos sono pola noite?" ou, a que vai a ser un dos temas desta entrada, "Existen os cortes de dixestión?". Vale, que se o pensas un pouco pode resultar unha pregunta estúpida. Eu tampouco mo propuxera, só o fixen cando Lorena se uniu ao grupo "Los cortes de digestión no existen, son los padres".
Eu non coñezo a ninguén ao que lle dera un corte de dixestión, tan sequera coñezo a alguén que coñeza a outro alguén ao que si lle dera. Normal que me pregunte este tipo de cousas.
Pois ben, se che interesa, resulta que si que existen, e prodúcense máis ou menos así:
1. Durante a dixestión o sangue atópase principalmente arredor do estómago e dos intestinos (por iso entra soniño despois de comer, porque diminúe o fluxo de sangue do cerebro);
2. A temperatura corporal diminúe cando nos metemos na auga do mar (a nosa refrescante e atlántica auga do mar), pero esta temperatura tense que manter a 37º C, polo que o corazón "vese obrigado" a bombear sangue á pel;
3. Se o corazón envía sangue á pel, diminúe a cantidade de sangue implicada na dixestión, de aí que esta se interrompa.
As consecuencias dun corte de dixestión van dende un mareo ata a morte, pasando pola perda de conciencia e cousas derivadas.
Así que xa sabes, se queres ser feliz e ter un FIB alto, faille caso a túa nai cando che diga que non te metas na auga despois de comer ;)