17 jul 2010

Dos días 8 e 9

Creo que merece a pena contar o que foi o día 15.
Pois ben, a causa dun problemiña, Raquel e eu quedamos na casa esa tarde, vendo películas e demais cousas varias. Sobre as oito e ás carreiras conseguimos coller un autobús (ou unha guagua ^^) para baixar a Santa Cruz. Decidimos sentarnos nas escaleiras da igrexa na Praza España a esperar por Saray e vimos que a xente xa estaba gardando sitio para ver a Danza dos Ananos. E nós pensamos "Veña, que gardamos nós sitio tamén!". Facemos unha chamada de teléfono e recibimos ordes de sentarnos o máis preto posible do valado. Para facer que as 5 horas que nos criamos que tiñamos por diante pasaran máis rápido puxémonos a escoitar música, e mentres víamos como o resto da xente traía bolsas con comida, neveiras portátiles cheas de bebidas, cadeiras pregables, colchóns hinchables... E nós, pobres inocentes, non nos demos conta do que iso significaba. Pero chegou Sarai, e fíxose a luz. O espectáculo non era ás doce ou á unha como nós pensabamos, senón ás 4 como moi cedo. E nós levabamos tanto tempo sentadas que xa non sabiamos se aínda tiñamos pernas ou se xa estaban definitivamente mortas. 
Foi pasando o tempo, a praza encheuse de xente, xa non quedaba batería no mp5 (pena de non ter un bo libro!!) e volveu vir Sarai. As funcións do recinto central levaban unha hora e pico de retraso así que non chegarían á praza ata pasadas as cinco e media. Raquel xa non podía queixarse de máis cousas, a señora que estaba ao meu lado (en pé toda a tarde, por certo) estaba asustada por se non se actuaba alí e eu creo que quedei a durmir naquel chan quente e naquela praza ateigada de xente. 
Cando espertei morría de frío e tiven que poñerme de pé. Notábase o nerviosismo entre a xente. Menos naqueles rapaces que levaban toda a noite a xogar ao fútbol e que me entretiveron un bo rato. 
Entre unhas cousas e outras chegou o momento. Dez horas de espera que foron compensadas cun espectáculo cheo de maxia e co orgullo que reflexaban os ollos dos habitantes da illa ao ver o acto máis importante das súas festas lustrais; coa alegría que repartiu o primeiro anano que saíu da caseta e a emoción de velos bailar a todos. 
Cando rematou, corremos ao seguinte lugar de actuación, e foi alí onde nos demos conta de algo importante. No medio da representación, apagáronse as luces: estaba a se facer de día. Sen querer pasaramos unha noite enteira na rúa. Entre movernos entre a xente e esperar polo taxi, cando chegamos á casa xa eran como as oito e media :)

1 comentario:

Merge De Cabinet dijo...

como mola el verano tía!
tengo q hablar contigo q intento volver por aquí (ahora en serio) y no me entero d mucho
-.-