29 jul 2010

A Palma.

Non podo dicir moito da nosa estancia na illa d'A Palma. Non podo porque é moi difícil expresar todos os recordos e emocións con palabras, e máis agora que o meu cerebro está desentrenado. Só dicir que a partires de agora veremos A Palma en rúas empedradas, en comida venezolana, en bailarinas andaluzas, en chamadas equivocadas, en cruceros, en acróbatas, en casas de cores e en balcóns, en Praza España, en batidos de fresas e patacas fritidas, en ananos, en Melendi, en burlas a minizorritas, en xente durmindo na rúa, en igrexas, en campanarios, en campanadas, en palomas, en escaleiras, en cucarachas, en farmacias, en cuartos de baño, en fotos de carné, en pizzas margarita, en bailaríns de Moscova, en hoteis de catro estrelas, en Teresas, Mavias, Virginias, Noelias, Cristinas, Joses, Gustavos, Lucías, Pedros, Noemís, Mois, Pilis, Checas, Damiáns, Pablos, Barloventos, na terra, na auga, no ceo, nas luces e, sobre todo, en Sarai.

17 jul 2010

Dos días 8 e 9

Creo que merece a pena contar o que foi o día 15.
Pois ben, a causa dun problemiña, Raquel e eu quedamos na casa esa tarde, vendo películas e demais cousas varias. Sobre as oito e ás carreiras conseguimos coller un autobús (ou unha guagua ^^) para baixar a Santa Cruz. Decidimos sentarnos nas escaleiras da igrexa na Praza España a esperar por Saray e vimos que a xente xa estaba gardando sitio para ver a Danza dos Ananos. E nós pensamos "Veña, que gardamos nós sitio tamén!". Facemos unha chamada de teléfono e recibimos ordes de sentarnos o máis preto posible do valado. Para facer que as 5 horas que nos criamos que tiñamos por diante pasaran máis rápido puxémonos a escoitar música, e mentres víamos como o resto da xente traía bolsas con comida, neveiras portátiles cheas de bebidas, cadeiras pregables, colchóns hinchables... E nós, pobres inocentes, non nos demos conta do que iso significaba. Pero chegou Sarai, e fíxose a luz. O espectáculo non era ás doce ou á unha como nós pensabamos, senón ás 4 como moi cedo. E nós levabamos tanto tempo sentadas que xa non sabiamos se aínda tiñamos pernas ou se xa estaban definitivamente mortas. 
Foi pasando o tempo, a praza encheuse de xente, xa non quedaba batería no mp5 (pena de non ter un bo libro!!) e volveu vir Sarai. As funcións do recinto central levaban unha hora e pico de retraso así que non chegarían á praza ata pasadas as cinco e media. Raquel xa non podía queixarse de máis cousas, a señora que estaba ao meu lado (en pé toda a tarde, por certo) estaba asustada por se non se actuaba alí e eu creo que quedei a durmir naquel chan quente e naquela praza ateigada de xente. 
Cando espertei morría de frío e tiven que poñerme de pé. Notábase o nerviosismo entre a xente. Menos naqueles rapaces que levaban toda a noite a xogar ao fútbol e que me entretiveron un bo rato. 
Entre unhas cousas e outras chegou o momento. Dez horas de espera que foron compensadas cun espectáculo cheo de maxia e co orgullo que reflexaban os ollos dos habitantes da illa ao ver o acto máis importante das súas festas lustrais; coa alegría que repartiu o primeiro anano que saíu da caseta e a emoción de velos bailar a todos. 
Cando rematou, corremos ao seguinte lugar de actuación, e foi alí onde nos demos conta de algo importante. No medio da representación, apagáronse as luces: estaba a se facer de día. Sen querer pasaramos unha noite enteira na rúa. Entre movernos entre a xente e esperar polo taxi, cando chegamos á casa xa eran como as oito e media :)

14 jul 2010

A día 7.





E aquí estamos, na Palma. Un lugar cheo de persoas amables e xente sociable, de praias coa area máis negra da miña vida, das rúas máis largas do mundo, de "cruceros", de casas de colores, de dúbidas á hora de cociñar e de comidas inventadas, de bonecos de xoguetería, de cucas, de ananos, de artistas galegas e famosas que ninguén recoñece, de comidas riquísimas en bares, de señores en taxis, de noites eternas pola calor, de baños públicos baleiros, de guaguas, de desfiles con aires galegos... E seguro que un montón de cousas que ainda descubriremos nos días que veñen. 


7 jul 2010

Primeiro día de praia.

Primeiro churrascada e unha nova pelexa co carbón vexetal para ver quen prendía a quen. Despois lamentarnos por ter mercado tanta carne e unha nova pelexa entre Raquel e Lorena para ver quen mollaba a quen. E finalmente camiñar ata a praia do Prado para perder unha pelota Nivea, romper unha pistola de auga e pasar unha boa tarde.

5 jul 2010

Verán.

Gústame facer magdalenas. Non só porque están boísimas, tamén porque é un proceso agradable, fácil e relaxante (menos o de cascar os ovos...). Ademáis creoq ue acabarán por converterse na comida típica das nosas festas máis importantes.
A primeira vez que as fixen foi no entroido do 2009, e, a partir dese día, estiveron presentes en algúns días importantes: fins de cursos, fins de avaliacións, nadais, máis entroidos... Precisamente foi neste entroido cando as fixen por última vez.
Nós con Maru, e Maru comendo unha magdalena :D
Pois ben, despois de pedirmo Lorena varias veces, hoxe decidinme e volvinas facer. Non sei se o podemos tomar como unha celebración, pero si como unha despedida: este xoves Ra e eu marchamos á illa da Palma.
Deixando á parte a calor, a actividade xeolóxica interna da zona e que vaia estar 15 días trapada con Raquel, creo que van ser unhas boas vacacións. Gústame pensar que é unha das dúas illas que están máis lonxe do deserto, que é a illa máis verde e que as probabilidades de que "esperte" un volcán xusto cando imos nós alí son pouquísimas. E encántame pensar que están alí Sarai e toda (ou case toda) a xente coa que fixemos o Camiño de Santiago o ano pasado. Cantos bos momentos pasamos xuntos! :) (Como este, este ou este, ou todos estes).
Sarai ten pensado un montón de sitios aos que nos vai levar. Segundo me contou, a maioría son para comer (papas locas, arepas, batidos de fresa e un montón de cousas máis que non coñezo), así que eu vou comprando roupa de tallas grandes (isto é broma, pero boa falta me faría!). Tamén imos ir ver o Ballet de Moscú e os ananos que bailan, pasear un montón polas rúas de Santa Cruz e sacar un montón de fotos para o noso álbum de viaxes. Levo o ordenador, así que xa irei contando algunha que outra aventura.
Para máis, cando volvamos imos ter a Mika en Vigo e a Muse en Santiago.

Vai ser un bo verán, non? ;D

3 jul 2010

O nacemento de Venus.

Moitísimas grazas a Maru por esta adaptación do cadro de Botticelli. É unha pasada! :)

(Que bo! Acabo de descubrir as xirafas agora mesmo!)