1 nov 2009

O anteollo de ámbar



Nun val á sombra dos rododendros, preto da liña das neves perpetuas, por onde corría un regato coa cor leitosa das augas do desxeo, e no cal as pombas e os liñaceiros voaban por entre inmensos piñeiros, había unha cova medio oculta por un penedo que tiña enriba e pola mesta e irta follaxe que se amoreaba debaixo dela.


Trala publicación de “A aurora boreal” e “O coitelo sutil”, este derradeiro volume da triloxía ‘A materia escura’ transcorre entre o noso propio universo e outros moitos. A primeira parte estaba ambientada na época vitoriana, onde mandaban os férreos corsés da moral e das crenzas. A seguinte aventura transcorría no mundo actual coñecido. Nesta terceira entrega, Lyra e Will irán atopando todas as respostas aos enigmas que os envolven, e descubrirán por que foron eles os elixidos para desvelar o gran segredo. Despois da gran guerra terán que afrontar o seu propio destino.
...Máis espías, aliados, inimigos e criaturas fascinantes. Novas viaxes cheas de perigos e arriscadas misións de rescate. A ciencia e a conciencia. A divinidade. Vida e morte. Amores imposibles. Mundos que se separan. Todos estes ingredientes, e máis, manteñen e mesmo incrementan o nivel de intriga nunha lectura apaixoante. Os 38 capítulos deste libro van encabezados por citas de autores e obras senlleiras, o que lle confire un maior calado intelectual.
Persiste a rebeldía dos protagonistas, a reflexión en torno a conceptos filosóficos, a curiosidade científica e as dúbidas existenciais que cuestionan as convencións establecidas. A loita entre o ben e o mal, o afán de coñecemento e a valentía son a chave para que mozos e adultos compartan este interesante desafío. Philip Pullman tece, nesta saga, unha emocionante rede de historias que se mesturan no tempo e no espazo con dinamismo e orixinalidade argumental.

Faktoría K de libros

No hay comentarios: