O ser humano non pode permitir máis tempo o deterioro absoluto da dignidade e da intelixencia. O asalto á razón. A derrota da cultura. O oprobio diario desta televisión que en base ás súas audiencias está a instaurar unha tiranía insólita da porquería e da mugre. O venres pasado dúas cadeas televisivas privadas, Antena 3 e Telecinco, competían cara a cara por obter o primeiro posto nas listas da bazofia. En Antena 3 denunciábanse os malos tratos dun actor a unha cantante. Pregúntome qué sentirán as mulleres en verdade maltratadas cando estes asuntos chegan a un programa desta índole. De fondo, unha leve melodía facía máis transcendente o decorrer do espazo. En Telecinco, dúas señoras A e B, que foron parella e deixaron de selo (coa salvidade de que a señora A estivo en coma por mor dun accidente acompañada da señora B), botábanse na cara as desventuras e as chanzas do seu amor. Falaron de infidelidade. A señora A pediu que B tivera o destino que en realidade merece. B, parece ser, díxolle algunha vez a A que o seu destino xa lle regalara o que merecía había tempo: cando sufriron o accidente e a señora A, que acompañaba á señora B, que conducía, quedou en coma e con múltiples placas metálicas na cabeza, desfigurada e moribunda. Non é ficción. Estes son espazos que algúns xustifican como ocio: «Se trata de un programa de entretenimiento», Jorge Javier Vázquez (¿presentador? ¿periodista? ¿que?), La Voz, 25 de octubre. É a nova España negra. Que continúen na programación televisiva episodios desta calaña, miserable e infame, define ao país. Non é a España de «charanga y pandereta» de Machado, estúpida pero inofensiva. Tampouco, evidentemente, a España preparada da que falan os políticos que consenten esta humillación. É a España, reitero, onde a razón e a cultura perderon. España de porquería e bazofia e mugre. En definitiva, a España da inmundicia.
DE BAR EN BAR, Xosé Carlos Caneiro
1 comentario:
Meowth, bien dicho!
Ainda que da a impresión de que o señor este non se conformaría con ningunha España, pero bueno.
Publicar un comentario