2 dic 2010

Si.

Sempre pasan cousas interesantes cando eu teño que estudar para un exame. O día 18, David Attenborough deu unha charla sobre as aves tropicais no Auditorio de Galicia; o día 19 eu tiña exame de Botánica e Zooloxía ás 19:30, e práctica de Química dende as dez da mañá ata as dúas. 
Hoxe seica vai nevar, e mañán teño exame de Bioloxía da Célula. Desta vez teño toda a mañá libre, pero tendo en conta que onte non estudei nada e hoxe vou polo mesmo camiño, non sei se poderei baixar. 
Son cousas que pasan. Pero é que estudar non é nada fácil tendo a cabeza chea de tantas cousas. Xa, xa sei que non é nada novo. E tamén sei que no fondo é divertido. Recórdame ao tempo de selectivo: dicir calquera cousa que pasa pola cabeza e rir por calquera parvada. Rir ata que doen a cara e a barriga, e pedirlle aos demais que, polo que máis queiran, paren.
E aínda que sexan bos momentos, morro por que cheguen as nove do venres, esquecer os exames ata xaneiro, marchar para a casa, durmir o que non durmín en dous meses, pasar unha boa ponte e volver a disfrutar das clases.

No hay comentarios: