Onte entereime de que a quinta temporada de Friday Night Lights (2006 - 2011) é a última. E de repente viñéronme á cabeza todas aquelas series que acabaron prematuramente ou simplemente non acabaron.
Do primeiro grupo recordo Greek (2007 - 2011), ou de como as series de institutos e universidades non poden durar para sempre, por moitos cursos que repitan os protagonistas. Polas nosas canles nacionais xa pasaron moitas series deste tipo: Compañeros (1998 - 2002), Al salir de clase (1997 - 2002), ou a máis recente Física o Química (2008 - 2011). Por elas foron pasando xeracións e xeracións de estudantes e profesores ata o punto de que na última temporada só quedaban dous ou tres dos iniciais. É algo inevitable, como tamén o é que non tardará en aparecer outra serie do mesmo estilo.
Tamén Héroes (2006 - 2010), esa gran serie que nos absorbeu durante meses e que acabou por perder case toda a súa audiencia cun final case incrible ata para min, simpatizante ata a morte dos personaxes bos e desas que pensan que un malo que se volve bo non pode selo por moito tempo.

E falando de finais, non podo esquecer Lost (2004 - 2010). Aquel último capítulo que millóns de persoas esperamos cun nó na boca do estómago e que causou opinións tan dispares coma o negro e o branco. Aínda que moita xente non o considerara un bo final despois de seis temporadas de misterios, por quedaren moitos destes sen resolver, eu considéroo un final digno.
Hoxe en día, e como xa dixen antes, é un luxo que unha serie teña un capítulo de despedida.