Día 1.
Erguerse cedo para comezar o día de autobuses. Elaborar plans A, B, C e D para intentar pagar menos no bus Santiago-Lugo e, practicamente despois, descubrir que non fai falla. Planear unir dous países con pelos e sinais. Primeira visita ás Murallas. Estarán no piso? Ver Phineas e Ferb, compra e comida. Sobremesa vagueando nos sofás. Paseo fantástico de tres horas pola beira do río Rato. Cañas e descubrir que o Castelo é "case tan bo" coma o Museo. Estiveron no piso!! Sesión de relaxación e a durmir.
Día 2.
Almorzar na estación. Coller o tren das 9:22 cara a Monforte. O revisor déixanos ler O Progreso porque na estación non hai quioscos. En Monforte chove. Conseguir chegar ao centro e dicir un gran "Oooohhh!!!" ao ver a fortaleza. Mola porque está aló arriba. En Monforte non hai oficinas de información ao turista, hai un mapa na praza de España. Hai tamén unha rúa da Cerca (cerca ou cErca, non sei) e unha rúa da Corna; case coma Aguiño!! Subimos, vemos as murallas, a torre e o parador. Gústannos as vistas. Quedamos un rato a descansar. Baixamos a ver a igrexa e a buscar un sitio para comer. A igrexa impresionante e o restaurante agradable. Como o día anterior, paseo de sobremesa ás beiras do río Cabe. Os "Cacho-patos", "De-oca-a-oca" e "Tiro-porque-me-toca". En Monforte segue a chover. Tanto que acabamos na estación dúas horas antes de que saia o tren. O revisor recórdanos de pola mañán. Píntolle bigotes á xente da Qué me dices! Decidimos vaguear unha vez máis nos sofás de Fátima. Vemos Phineas e Ferb, Xiz, El Hormiguero e todos os telediarios. Gran día. Quedo a durmir no sofá.
Día 3.
Custa erguerse da cama. Vestirse, almorzar, recoller e última visita ás murallas. Por riba delas hai case tanta vida coma por baixo. Descubrimos un bar acolledor de bocatas ricos. E despois autobuses. Durmo en todos e cada un deles. Como se agradece! E como se agradeceron os tres días lonxe, e "desconectando" :)