16 mar 2011

Moreno.

O único tecido pigmentario que ten o ser humano son os melanóforos ou melanocitos. Son unhas células ramificadas da epiderme, a nivel da lámina basal, que dan cor a pel, pelo e ollos. As ramificacións citoplasmáticas sitúanse entre as células epiteliais en continua división. No seu interior os melanocitos almacenan melanina en gránulos rodeados de membrana, que se chaman melanosomas. A melanina dá unha coloración parda ou roxiza. A función dos melanocitos é a protección do organismo contra da radiación ultravioleta. 

Isto é, cando o melanóforo está exposto a unha radiación ultravioleta constante, absorbe estes  raios e produce melanina, que almacena no seu citoplasma. As células do epitelio fagocitan as ramificacións do melanóforo, polo que a melanina pasa a acumularse nas células epiteliais. 
Unha das características da lámina basal é a súa propiedade renovadora. E, así, as células menos diferenciadas son as máis próximas á lámina basal. Por iso, cando cesa a exposición á radiación e os melanóforos paran de producir melanina, a nova capa de epitelio que se forma nese momento carecen de melanina. 

E, como os epitelios de revestimento sofren un importante desgaste e descamación, sobre todo os que recobren o exterior dos organismos, a renovación acaba por levar as células epiteliais tinguidas de melanina a formar a capa máis externa. Máis tarde será a capa sen melanina a que o faga.



E con isto veño a explicar por que nos poñemos morenos no verán e por que "se nos vai o moreno" no inverno. Que unha nunca se parara a pensar como era que ocorría, que lle parecía máis ben algo semellante á evaporación. O mesmo que nunca se parara a pensar que a americana de seu pai non se lle chamaba americana porque viñera de América. Ou que os grans da lingua non saían por dicir mentiras.
É así. Unha día aparece unha luz que aclara as cousas, e os pensamentos, e todo cambia de cor.