Mostrando las entradas con la etiqueta viaxes. Mostrar todas las entradas
Mostrando las entradas con la etiqueta viaxes. Mostrar todas las entradas

20 abr 2011

Lugo.

Día 1.
Erguerse cedo para comezar o día de autobuses. Elaborar plans A, B, C e D para intentar pagar menos no bus Santiago-Lugo e, practicamente despois, descubrir que non fai falla. Planear unir dous países con pelos e sinais. Primeira visita ás Murallas. Estarán no piso? Ver Phineas e Ferb, compra e comida. Sobremesa vagueando nos sofás. Paseo fantástico de tres horas pola beira do río Rato. Cañas e descubrir que o Castelo é "case tan bo" coma o Museo. Estiveron no piso!! Sesión de relaxación e a durmir.

Día 2.
Almorzar na estación. Coller o tren das 9:22 cara a Monforte. O revisor déixanos ler O Progreso porque na estación non hai quioscos. En Monforte chove. Conseguir chegar ao centro e dicir un gran "Oooohhh!!!" ao ver a fortaleza. Mola porque está aló arriba. En Monforte non hai oficinas de información ao turista, hai un mapa na praza de España. Hai tamén unha rúa da Cerca (cerca ou cErca, non sei) e unha rúa da Corna; case coma Aguiño!! Subimos, vemos as murallas, a torre e o parador. Gústannos as vistas. Quedamos un rato a descansar.  Baixamos a ver a igrexa e a buscar un sitio para comer. A igrexa impresionante e o restaurante agradable. Como o día anterior, paseo de sobremesa ás beiras do río Cabe. Os "Cacho-patos", "De-oca-a-oca" e "Tiro-porque-me-toca". En Monforte segue a chover. Tanto que acabamos na estación dúas horas antes de que saia o tren. O revisor recórdanos de pola mañán. Píntolle bigotes á xente da Qué me dices! Decidimos vaguear unha vez máis nos sofás de Fátima. Vemos Phineas e Ferb, Xiz, El Hormiguero e todos os telediarios. Gran día. Quedo a durmir no sofá.

Día 3.
Custa erguerse da cama. Vestirse, almorzar, recoller e última visita ás murallas. Por riba delas hai case tanta vida coma por baixo. Descubrimos un bar acolledor de bocatas ricos. E despois autobuses. Durmo en todos e cada un deles. Como se agradece! E como se agradeceron os tres días lonxe, e "desconectando" :)


6 oct 2010

OUFF

Dá gusto ter días como o 5 de outubro de 2010. E volver aos días de instituto, ver a David despois de tantísimo tempo, pasar outro día con esas persoas e recordar bos momentos dos tempos de antes (vale, que iso facémolo sempre que nos reunimos, pero son sempre momentos especiais). Ata mereceu a pena a camiñada baixo a chuvia de pola mañán e a nostalxia de pola tarde, non gañar ningún premio do OUFF e si, sobre todo, non ir á clase. Porque vale, que hai que ir, que é moi importante non ter faltas. Pero non sei, volvo dicir o mesmo, non perdo un día así.

15 ago 2010

Mika.

Onte foi un bo día. 
Comezando polo incidente da mañán, cando espertamos ás sete pensando que eran as once e nos erguemos ás dez e media pensando que eran as dúas. Claro, despois todo tuvo sentido: por que comezaba a tocar as campás as sete da mañán, como era que tocaba a misa tan tarde e que facía a banda pasando a esa hora. Nota para o futuro: cando se lle quita a batería ao móbil de Lorena e se volve encender, pon unha hora que non é a real.
E seguindo pola aventura da tarde. Íamos a Vigo, a ver a Mika. Unha das mellores cousas é que unha vez chegaramos á estación de tren de Vigo, non tiñamos nin idea de como se ía a Castrelos. Supoño que o que fixemos foi o normal cando non se coñece unha cidade: buscar un mapa e despois andar. E nós andamos máis ou menos dez minutos, ata atopar unha parada de autobús pola que pasara unha liña que nos levara por Castrelos. Unha señora indicounos cal era o que tiñamos que coller pero despois unha moza mandounos subir en outro. Sabíamos que tiñamos que baixar na Praza de América, pero non sabíamos cal era, así que fomos mirando o nome dos párkings, non fora a ser que houbera un que se chamara "Párking América" ou algo semellante. Pero non, desandamos o que andaramos ata a parada de bus e demos voltas por Vigo ata que Fátima viu nunha parada que había un autobús que ía por Castrelos. Baixamos na parada seguinte e veu un bus que nos levou ata o parque.
Cremos que collemos autobuses de máis, que o primeiro posiblemente fora tamén por Castrelos e que dende onde collemos o segundo ata o parque non había máis de cinco minutos a pé. Pero non nos arrepentimos: polo menos nos autobuses había aire acondicionado.
Chegamos ao auditorio, puxémonos á fila e merendamos. Unha mamá díxonos que nunca fóramos mamás, e que era mellor cambiar de fila. Cambiamos de fila e esperamos. Tres horas despois entramos, e unha hora despois chegou el. E encheu o sitio de luces e música e alegría e diversión e simpatía e maxia e de Happy Endings.

29 jul 2010

A Palma.

Non podo dicir moito da nosa estancia na illa d'A Palma. Non podo porque é moi difícil expresar todos os recordos e emocións con palabras, e máis agora que o meu cerebro está desentrenado. Só dicir que a partires de agora veremos A Palma en rúas empedradas, en comida venezolana, en bailarinas andaluzas, en chamadas equivocadas, en cruceros, en acróbatas, en casas de cores e en balcóns, en Praza España, en batidos de fresas e patacas fritidas, en ananos, en Melendi, en burlas a minizorritas, en xente durmindo na rúa, en igrexas, en campanarios, en campanadas, en palomas, en escaleiras, en cucarachas, en farmacias, en cuartos de baño, en fotos de carné, en pizzas margarita, en bailaríns de Moscova, en hoteis de catro estrelas, en Teresas, Mavias, Virginias, Noelias, Cristinas, Joses, Gustavos, Lucías, Pedros, Noemís, Mois, Pilis, Checas, Damiáns, Pablos, Barloventos, na terra, na auga, no ceo, nas luces e, sobre todo, en Sarai.

17 jul 2010

Dos días 8 e 9

Creo que merece a pena contar o que foi o día 15.
Pois ben, a causa dun problemiña, Raquel e eu quedamos na casa esa tarde, vendo películas e demais cousas varias. Sobre as oito e ás carreiras conseguimos coller un autobús (ou unha guagua ^^) para baixar a Santa Cruz. Decidimos sentarnos nas escaleiras da igrexa na Praza España a esperar por Saray e vimos que a xente xa estaba gardando sitio para ver a Danza dos Ananos. E nós pensamos "Veña, que gardamos nós sitio tamén!". Facemos unha chamada de teléfono e recibimos ordes de sentarnos o máis preto posible do valado. Para facer que as 5 horas que nos criamos que tiñamos por diante pasaran máis rápido puxémonos a escoitar música, e mentres víamos como o resto da xente traía bolsas con comida, neveiras portátiles cheas de bebidas, cadeiras pregables, colchóns hinchables... E nós, pobres inocentes, non nos demos conta do que iso significaba. Pero chegou Sarai, e fíxose a luz. O espectáculo non era ás doce ou á unha como nós pensabamos, senón ás 4 como moi cedo. E nós levabamos tanto tempo sentadas que xa non sabiamos se aínda tiñamos pernas ou se xa estaban definitivamente mortas. 
Foi pasando o tempo, a praza encheuse de xente, xa non quedaba batería no mp5 (pena de non ter un bo libro!!) e volveu vir Sarai. As funcións do recinto central levaban unha hora e pico de retraso así que non chegarían á praza ata pasadas as cinco e media. Raquel xa non podía queixarse de máis cousas, a señora que estaba ao meu lado (en pé toda a tarde, por certo) estaba asustada por se non se actuaba alí e eu creo que quedei a durmir naquel chan quente e naquela praza ateigada de xente. 
Cando espertei morría de frío e tiven que poñerme de pé. Notábase o nerviosismo entre a xente. Menos naqueles rapaces que levaban toda a noite a xogar ao fútbol e que me entretiveron un bo rato. 
Entre unhas cousas e outras chegou o momento. Dez horas de espera que foron compensadas cun espectáculo cheo de maxia e co orgullo que reflexaban os ollos dos habitantes da illa ao ver o acto máis importante das súas festas lustrais; coa alegría que repartiu o primeiro anano que saíu da caseta e a emoción de velos bailar a todos. 
Cando rematou, corremos ao seguinte lugar de actuación, e foi alí onde nos demos conta de algo importante. No medio da representación, apagáronse as luces: estaba a se facer de día. Sen querer pasaramos unha noite enteira na rúa. Entre movernos entre a xente e esperar polo taxi, cando chegamos á casa xa eran como as oito e media :)

14 jul 2010

A día 7.





E aquí estamos, na Palma. Un lugar cheo de persoas amables e xente sociable, de praias coa area máis negra da miña vida, das rúas máis largas do mundo, de "cruceros", de casas de colores, de dúbidas á hora de cociñar e de comidas inventadas, de bonecos de xoguetería, de cucas, de ananos, de artistas galegas e famosas que ninguén recoñece, de comidas riquísimas en bares, de señores en taxis, de noites eternas pola calor, de baños públicos baleiros, de guaguas, de desfiles con aires galegos... E seguro que un montón de cousas que ainda descubriremos nos días que veñen.