18 sept 2011

Xarás.

A canteira de Xarás (que en realidade non está en Xarás) leva ducias de anos extraendo granito do monte da Cidá e non hai quen a quite daí. Sempre me estrañou, por estar tan preto do Parque Natural e das casas.

Pero hoxe entereime de que os donos son, curiosamente, primos primeiros de Xoán Carlos I de España. Creo que non puiden evitar poñer cara de asco. 

Así dámonos conta do que verdadeiramente importa na casa consistorial de Ribeira e explícase por que se vai deteriorando todo o que temos.

Así estaba en xuño do 2008.



14 jul 2011

Alerta, spoiler.


Onte entereime de que a quinta temporada de Friday Night Lights (2006 - 2011) é a última. E de repente viñéronme á cabeza todas aquelas series que acabaron prematuramente ou simplemente non acabaron. 

Do primeiro grupo recordo Greek (2007 - 2011), ou de como as series de institutos e universidades non poden durar para sempre, por moitos cursos que repitan os protagonistas. Polas nosas canles nacionais xa pasaron moitas series deste tipo: Compañeros (1998 - 2002), Al salir de clase (1997 - 2002), ou a máis recente Física o Química (2008 - 2011). Por elas foron pasando xeracións e xeracións de estudantes e profesores ata o punto de que na última temporada só quedaban dous ou tres dos iniciais. É algo inevitable, como tamén o é que non tardará en aparecer outra serie do mesmo estilo.

Tamén Héroes (2006 - 2010), esa gran serie que nos absorbeu durante meses e que acabou por perder case toda a súa audiencia cun final case incrible ata para min, simpatizante ata a morte dos personaxes bos e desas que pensan que un malo que se volve bo non pode selo por moito tempo.
 
A Endgame (marzo de 2011 - xuño de 2011) pasoulle o mesmo que a Lie to me (2009 - 2011), Kyle XY (2006 - 2009) ou, máis preto, O Nordés (2009 - 2010): non pecharán a trama, pero tampouco volverán a rodar novas temporadas. E nós, inxenuos serieadictos quedaremos con esas dudas grabadas na conciencia para toda a vida. Quen mataría a ese? Como pode ser que eses dous sexan irmáns? Quen estaba detrás de todos os seus problemas? Por que non saían xuntos se levaban namorados dende antes da primeira temporada?

E falando de finais, non podo esquecer Lost (2004 - 2010). Aquel último capítulo que millóns de persoas esperamos cun nó na boca do estómago e que causou opinións tan dispares coma o negro e o branco. Aínda que moita xente non o considerara un bo final despois de seis temporadas de misterios, por quedaren moitos destes sen resolver, eu considéroo un final digno. 

Hoxe en día, e como xa dixen antes, é un luxo que unha serie teña un capítulo de despedida.


24 jun 2011

San Xoán.

Moita ciencia e moita veracidade, pero ao final acabamos saltando o lume de San Xoán para ter boa sorte o resto do ano. Hai quen prefire pedir desexos. Ou quen vai á praia e salta sete olas, e pide sete desexos, xa que está. 
E preparamos a auga de San Xoán antes do atardecer; non sei para que é, pero cheira ben. Tamén imos buscar auga á fonte, porque é a auga desta noite a que o cura todo. 
E é esta noite cando cremos que todo é máxico, que prende o lume con máis voracidade ca nunca, que intenta falarnos cos seus estalidos, e que as charamuscas nos comunican co máis alá.
San Xoán é a noite do lume, das danzas e de cantar ata deixar as gorxas no ceo  (ou de como acabamos cantando Irmaus a altas horas da madrugada, sen luz, e sen ter nin idea de que acordes había que poñer na guitarra; o mesmo para a Danza Kuduro (ou Koduro, depende de quen cante), Uno más uno son siete e ducias de cancións máis).

18 jun 2011

Premio Olloboi 2011.

Gran curta a gañadora deste ano, anunciada nunha gala atropelada, pero ben simpática, lixeira e entretida:

17 jun 2011

obliviate.

A pesar do meu asombro, este non conseguiu entrar cos finalistas en ningunha das tres categorías do Olloboi 2011. Unha pena, porque é fantástico! Aquí vo-lo deixo.


6 jun 2011

Unha flor de papel.

Gustaríame ensinarvos como nos gusta pasar o tempo de vez en cando.

O mellor de todo non é pasar horas e horas pensando na trama da curta. Nin que estea tirada na cama ás sete da mañá, intentando durmir e cun mareo que nin nunha tarde de pesca nunha dorna e me diga "agora que estás borracha, pensa nunha curta que de seguro che sae algo bo!". Nin cando Raquel di "pois pode ir dun cabaleiro da corte e outro cabaleiro da corte das vacas que intentan cortexar a unha muller, e todo isto nos tempos de Chaplin".
Non, o mellor de todo é cando a xente se viste, e di "si, vale, Chaplin, e agora que?", e as escenas e os planos van xurdindo pouco a pouco ao longo da tarde. E o que máis se escoita é "ti improvisa, improvisa".
O resultado sería isto, e un mundo de bromas e lágrimas de risa :)



3 jun 2011

Every teardrop is a waterfall.


Hoxe sae o novo single de Coldplay. Non lle gusta a ninguén, creo que porque se parece sospeitosamente a Ritmo de la noche. Pero a min gústame. E como veño de dous días de festa marabillosos, recórdame a todos os bos momentos que pasei e a todas as persoas que estaban alí.

4 may 2011

4 de maio.

Algunhas cousas non deberían ocorrer nunha. 
Ti si. Moitísimas felicidades!!

3 may 2011

Blues.

O blues é unha das formas que máis aceptación teñen dentro da música de guitarra, tanto para o que escoita como para o que toca. Por que non? Quen pode resistirse aos relaxados ritmos, as expresivas melodías e as conmovedoras letras do blues? O blues pode chegar a desgarrarnos o corazón cos seus lamentos de dor. Non calquera música pode transmitirnos a pena dun pobre home e o seu terrible calvario no corredor da morte, condeado por un crime que non cometeu e abandoado pola moza e o seu mellor amigo. Ai, que doce tristeza!

Mark Phillips, Jon Chappell.